ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
A ILP en defensa dos ríos camiño da súa toma en consideración polo Parlamento


Redacción 01 de febreiro 2006 Este pasado sábado, no museo do Povo Galego, tiñan lugar unhas xornadas sobre os ríos galegos coas que a Comisión Promotora da Iniciativa Lexislativa Popular en defensa dos nosos ríos empezaba a preparar a súa defensa ante o Parlamento (o que moi probablemente terá lugar na última semana de febreiro) somentendo a debate os argumentos que no seu día serán expostos no Parlamento a favor da ILP.

As xornadas foron inaguradas polo escritor Suso de Toro en representación da Comisión Promotora e máis polo Director Xeral de Conservación da Natureza, D. Benito Reza, quen foi o primeiro en intervir para manifestar que asumía o texto da iniciativa lexislativa popular á que, ademáis, tiña apoiado coa súa sinatura. Outro tanto tiña xa expresado a Consellería de Meio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel a través das intervencións do Conselleiro no Parlamento e coa publicación do Decreto de moratoria para novos aproveitamentos hidroeléctricos. Da intervención de Suso de Toro destacar a súa sentida reivindicación das paisaxes e as vivencias que os ríos deixaron impresas na consciencia do territorio e das xentes de Galiza.  A continuación intervíu Alba Nogueira, profesora de Dereito Ambiental na Facultade de Dereito de Santiago, quen, en nome da Comisión Promotora,  destacou que, a pesares de a iniciativa ser pensada para un cenario político distinto, o texto da ILP é agora máis oportuno que antes por canto creaba a oportunidade de, a través dela, adatar  a política hidráulica do novo gobverno ás directrices da Directiva Marco da Auga.

A primeira das ponencias desta xornada versou sobre os usos tradicionais do río a cargo de Alberte Reboreda, un estudioso do patrimonio cultural e etnográfico dos ríos, quen nos trouxo á memoria a enorme cantidade muiños, forxas, mazos, batáns e mesmo aserradoiros movidos pola forza da auga dos ríos galegos. Dentro da mesma ponencia interviron Miguel Pazos e Manolo Cabalar, do Departamento de Xeografía da USC e membros do Centro de Estudos Turísticos (CETUR), que presentaron algunhas das experiencias de posta en valor económico e social da paisaxe dos ríos en relación a actividades de turismo rural e deporte de natureza.

Sobre contaminación fluvial e saneamento falou o profesor da Universidade da Coruña. Manuel Soto Castiñeira, quen fixo unha breve descripción do estado ecolóxico e de salubridade dos ríos para acabar recordándonos que Galiza está moi lonxe de cumprir cos obxectivos de saneamento das Directivas Europeas e concluíndo que é xa tempo de invertir as prioridades poñendo en primeiro lugar o saneamento e a recuperación dos ecosistemas fluviais.

O
s profesores Marcos González e Fernando Cobo do Departamento de Bioloxía Animal da USC cerraron a xornada da mañán coa súa ponencia sobre “O valor de conservación dos nosos ríos. Amenazas á biodiversidade” e destacaron a importancia dos ríos e dos bosques de ribeira para a conservación dunha biodiversidade que, en moitos dos seus aspectos, aínda está por coñecer. Sobre as amenazas á biodiversidade estes dous profesores resaltaron os graves impactos dos aproveitamentos hidroeléctricos e das infraestruturas de todo tipo sobre o río e as súas beiras. Tamén denunciaron a introdución de especies alóctonas, -algunhas de nefastas consecuencias para a subsistencia das especies autóctonas-, e a práctica indiscriminada de repovoacións piscícolas en lugar de investir recursos en sanear e recuperar os hábitats fluviais.

Pola tarde, iniciou a exposición o profesor Pedro Brufao, da Universidade de Extremadura,  expoñendo as Directrices da Directiva Marco da Auga, ao tempo que denunciaba a complicidade da lexislación e do executivo co negocio da especulación hidroeléctrica, cuestión da que en Galiza tivemos exemplos dabondo nos últimos tempos.

A continuación o catedrático de Hidroloxía da Universidade de Zaragoza, D. Javier Martínez Gil, -despóis de exculpar a ausencia do seu compañeiro de Universidade Pedro Arrojo-, explicounos algunhas das súas experiencias e vivencias como membro activo de COAGRET (Coordinadora de afectados por grandes represas e trasvases) e da fundación Nova Cultura da Auga, das que destacou a do Encoro de Caldas de Reis e a loita contra dese trasvase do Ebro dos tempos de Aznar.

A xornada rematou cunha Mesa Redonda na que estiveron presentes representantes dos grupo parlamentarios do PSOE (Laura Seara) e do BNG (Carlos Aymerich) e das consellerías de Industria e de Meio Ambiente. Destas intervencións destacar o compromiso anunciado pola voceira do PSOE, que co apoio xa sabido do BNG, vai permitir apoiar a toma en consideración da Iniciativa Lexislativa Popular, o que fará que sexa esta a primeira Lei de Iniciativa Lexislativa Popular que sexa tomada en consideración polo Parlamento.

Seguindo coa preparación do debate da ILP no Parlamento, este próximo xoves pola tarde membros da Comisión Promotora da ILP reunirémonos con representantes de Augas de Galiza, reunión da que esperamos coñecer que a Consellería de Meio Ambiente (e o conxunto do Governo) tamén están a favor da toma en consideración da ILP.

Neste camiño cara o Parlamento temos previsto entrevistarnos coa Presidenta do Parlamento e agardamos tamén pola entrevista co Grupo Parlamentario Popular, pois nós entendemos que, dada a situación dos nosos ríos e os impactos que xa teñen pagado pola xeneración de enerxía, non pode haber argumentos para non apoiar unha iniciativa que pretende recoller e aplicar ao contexto de Galiza as directrices dunha Directiva Europea, a Directiva Marco da Auga, que, aínda que non está trasladada ao ordenamento xurídico do Estado, está plenamente en vigor.


Voltar a novas

Ver anteriores