ArroutadaNoticias.com!, as novas galegas na rede

Novas


Publicidade
Contacto

Novas
Internacional
Anteriores
Opinión
Foro
Arquivo
Ligazóns


*
Unha parella de Pontevedra consegue, tras unha longa carreira de obstáculos, que a tramitación do seu expediente de matrimonio sexa en galego


Redacción 01 de febreiro 2006 O Ministerio de Xustiza dille á Mesa que “estuda diversas solucións” para que non se volvan repetir estas discriminacións lingüísticas.

A parella de Pontevedra que viviu unha auténtica epopea por querer que a tramitación da súa voda se realizase en galego, conseguiu finalmente realizar no noso idioma toda a tramitación do expediente. Isto sucedeu despois de teren que denunciar perante os medios de comunicación a carreira de obstáculos a que se viron sometidos polo simple feito de quereren facer uso da lingua propia de Galiza. O seguinte problema co que se poderán achar no momento do seu matrimonio, e que a día de hoxe aínda non está solucionado, é o referido ao libro de asentamento.

Iso acontece a pesar de que, segundo a lei 12/2005, aprobada hai menos dun ano, “nas Comunidades Autónomas con lingua oficial propia distinta do castelán as follas dos libros do Rexistro Civil, os impresos e os selos serán distribuídos impresos en cada unha das linguas oficiais.” Desde A Mesa pola Normalización Lingüística exíxenlle á Administración de Xustiza que cumpra coa lexislación e garanta o dereito ao uso do galego. Ademais, desde esta entidade recordan que os libros ficaron “obsoletos” tamén ao se recoñecer legalmente o matrimonio entre homes ou entre mulleres. “Tanto nun caso como no outro, o Ministerio terá que actuar con celeridade para garantir os dereitos civís da pobación.”

O Ministerio de Xustiza “estuda solucións”

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística dirixíronse tamén ao Ministerio de Xustiza para lle reclamar que este tipo de situacións non se volvan repetir e que o Goberno central cumpra cos tratados internacionais referidos a dereitos lingüísticos. Cómpre recordar que o Consello de Europa criticou con especial intensidade no seu último informe a lamentábel situación do galego no ámbito da xustiza.

A entidade cidadá en defensa da lingua recibiu hoxe unha resposta, na cal o Ministerio asegura ser “consciente do problema” e sinala que están a estudar “diversas solucións para mellorar os dereitos lingüísticos dos 15 millóns de españois que ademais da lingua castelá falan outra lingua oficial”.

A Mesa agarda que estas solucións “se vexan dunha vez” e lamenta que as trabas ao uso do galego na Administración de Xustiza convertan en noticia o que, en condicións normais, debería ser un acto cotián. A Mesa desexa que tamén a Xunta de Galiza, da cal aínda non recibiu resposta a pesar da súa competencia na materia, tome as medidas precisas para mudar a situación.


Voltar a novas

Ver anteriores