ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A sociedade galega prepara a resposta aos plans conta o galego do PP
• O PP continúa na súa teima contra o galego e xa fala de derrogar a Lei de Normalización Lingüística

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 10 de marzo de 2009 Máis de 100 entidades de diverso tipo reuníronse onte en Compostela para intercambiar perspectivas e ideas de cara á manifestación nacional do 17 de maio na defensa do galego.

Tras o resultado das pasadas eleccións do 1 de marzo, o partido gañador o PP non cesa nas súas inauditas "propostas" en contra do galego. Se o futuro Presidente de Galiza falaba ao coñecer os resultados electorais de eliminar as galescolas e suprimir o decreto que regula o galego no ensino, onte o seu cabeza de lista pola provincia da Coruña, Carlos Negreira, propoñía que se tombe a Lei de normalización lingüística, aprobada baixo un goberno do seu partido e por unanimidade no Parlamento, en cuxo artigo 10 di que os nomes de lugar galegos teñen como forma oficial a galega.

Negreira solicitaba o pasado día 5 o apoio do alcalde da Coruña, Javier Losada do PSOE, para empregar La Coruña como topónimo da cidade herculina.

As reaccións e estes ataques ao galego do PP non se fixeron agardar, A Mesa pola Normalización Lingüística fala de “atentado contra principios básicos recollidos no Estatuto” e “do primeiro gran paso atrás para a lingua desde a chegada da democracia”, o sindicato CIG-Ensino afirma que "só desde unha perspectiva antigalega e unha mente colonizada se pode ver como un demérito a presenza da nosa lingua, a non ser que se pretenda a súa desaparición". Ambas as dúas organizacións anuncian medidas de o PP levar adiante estas medidas contra o galego.

Manifestación nacional o 17 de maio
A Mesa xunto con outros 100 colectivos están a organizar unha multitudinaria manifestación para o 17 de maio en defensa da lingua propia. A CIG-Ensino pola súa banda "quere facer público que o futuro presidente ten a obriga de desistir das súas intencións, por seren estas impropias de quen di que quere ser o presidente de todos os galegos e galegas, do contrario a CIG-Ensino reactivaría accións e iniciativas no ámbito do ensino para impedir esta agresión ao noso idioma", afirman.

Pero non son estas as únicas reaccións ante as intencións do PP, desde o BNG Francisco Jorquera, voceiro do BNG no Congreso dos Deputados e Coordinador Executivo da formación nacionalista, afirmaba que “as medidas que propón o novo goberno do PP supoñen unha regresión gravísima para a lingua galega” e denunciaba que “é unha política de guetos que pretende eliminar o galego das cidades e confinar ao galego a unha situación de absoluta marxinalidade social”.

Tamén desde o BNG secretario de Organización, Alberte Ansede, preguntábase "como pensa Feijoo organizar os colexios?" e cualificaba de "obsesión sectaria" do Partido Popular a intención de "reducir a lingua galega" no ensino.

Hai que lembrar que tanto a Lei de Normalización Lingüística como o decreto que regula o galego no ensino foron feitos polo PP sendo Fraga presidente e aprobados por unanimidade co respaldo do PSOE e BNG.

Nace unha nova iniciativa: Galeguizar Galiza
Un portal en internet que xunta a diversos colectivos que procuran dinamizar en distintos ámbitos políticas lingüísticas que contribúan a normalizar o noso idioma en ámbitos decisivos e mesmo inéditos.

Esta iniciativa está formada polas seguintes entidades: Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Irmandade Xurídica Galega, Fundación Lois Peña Novo, Asociación de Amigos do Couto Mixto, Asociación Álvaro das Casas, Foro Enrique Peinador.

Páxina web da iniciativa: http://www.galeguizargalicia.com/

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2008 ArroutadaNoticias.com