Publicidade
Contacto
|
*Remata o prazo de votacións para a III edición Premio do José Couso Liberdade de Prensa · O gañador darase a coñecer durante unha rolda de prensa no mes de abril
Redacción 29 de marzo de 2007 Onte rematou o prazo de votacións para a elección do gañador da III Edición do Premio José Couso, unha iniciativa do Colexio de Xornalistas de Galiza (CPXG), o Clube de Prensa de Ferrol e Caixanova. O prazo para a emisión de votos por internet, pechouse onte ás doce desta noite para os colexiados do CPXG.
César Hildebrant, Felipe Suárez, Gervasio Sánchez, Gorka Landaburu e o xornal Euskaldunon Egunkaria, Jon Lee Anderson, as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo, Tomás Alcoverro e Pedro Nolasco son os oito finalistas entre os que o xurado elixirá ao gañador deste ano.
O xurado, composto por todos os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e os asociados do Club de Prensa de Ferrol, decidirá a ou o gañador. Desde o pasado febreiro, fóronse emitindo os seus votos por correo ordinario. O nome da ou do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa en Ferrol no mes de abril. O premiado recibirá a escultura Ás Ceibes, creada por Manuel Patinha, nunha gala que se celebrará o día 2 de maio en Ferrol.
O xornalista de maior traxectoria, recoñecemento e credibilidade no seu país é o peruano César Hildebrant; Felipe Suárez, xornalista e presidente de honra da Fundación Galega contra o Narcotráfico, realizou numerosas campañas de sensibilización cidadá sobre o problema da drogadicción; Gervasio Sánchez leva traballando medio cuarto de século en zonas de conflito de todo o mundo; a candidatura de Gorka Landaburu e do xornal Euskadunon Egunkaria preséntase como recoñecemento ao colectivo de xornalistas do Pais Vasco; Jon Lee Anderson é un destacado xornalista estadounidense do semanario The New Yorker; as fotoxornalistas Marisa Flórez e Queca Campillo recibiron a nominación pola súa visión particular e independente da Transición; o xornalista barcelonés Tomás Alcoverro é o correspondente do xornal La Vanguardia en Oriente Medio dende 1970; e o xornalista exiliado Pedro Nolasco, actual correspondente de RSF en Guinea Ecuatorial, é un activista comprometido ante os atentados contra a liberdade de prensa.
Este premio é unha homenaxe a José Couso. Pero supón tamén unha voz de alerta sobre a ausencia do dereito á información en moitos países do mundo e das ameazas que este dereito está sufrindo nos países chamados democráticos. Algúns dos xornalistas que teñen que loitar contra esta situación foron nominados e galardoados nas dúas primeiras edicións do Premio José Couso.
O gañador da edición inaugural, o xornalista marroquí Ali Lmrabet, relatou no acto de entrega do premio as dificultades para desenvolver o seu traballo con dignidade. A súa determinación para falar sen censura custoulle meses de liberdade, unha persecución e a necesidade de ter que fuxir do seu país. Esta denuncia sumada a de tantos outros compañeiros dos cinco continentes, supón unha luz de alerta constante que non podemos permitir que morra.
Esa loita contra as inxustizas ao longo do mundo está no currículo das e dos candidatas e, tamén, na historia do diario Le Monde Diplomatique, gañador do galardón na súa segunda convocatoria, que ano tras ano axuda a comprender o duro traballo ao que se enfronta o xornalismo.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|