ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Cultura e deporte comprométese co deporte universitario
· A Consellaría, a través da Dirección Xeral para o Deporte, asinou hoxe un protocolo de colaboración coas tres universidades galegas para a promoción do deporte base

Chuza! esta nova!
Redacción 26 de marzo de 2007 Ánxela Bugallo e Santiago Domínguez por parte da Consellaría; Senén Barro reitor da Universidade de Santiago; Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo e José María Barja asinaron esta mañá un convenio de colaboración cunha duración de tres anos no que se recolle o compromiso de organización de actividades e eventos deportivos, a cesión de instalacións, a organización de actividades formativas, e a realización de publicacións e traballos de investigación.

A primeira actuación deste convenio concretouse xa no apoio aos X Campionatos Galegos Universitarios que se están a desenvolver nos sete campus, durante os meses de marzo, abril e maio. Ademais, equipos de investigación da universidade de Compostela e de Vigo realizarán un proxecto de análise da realidade deportiva de Galiza. Representantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra están xa a colaborar na organización da I Xornada de Deporte e Muller que se celebrará mañá martes en Vigo.

Ánxela Bugallo dixo durante a rolda de prensa que a Consellaría xa asinara outros convenios coas universidades vencellados á Cultura, e "consideramos que este é moi importante para que desapareza esa fenda que existe entre o deporte na educación secundaria e a Universidade". A conselleira quixo destacar "o traballo de investigación en tres liñas para nós fundamentais: o deporte federado escolar, a análise dos investimentos públicos en deporte e o deporte feminino".

O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, manifestou o seu agradecemento á conselleira por colaborar "no fomento do deporte universitario, que ten un diferente desenvolvemento pero que cada vez o fai con máis forza".

Senén Barro, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, afirmou que "somos tres universidades comprometidas de forma absoluta co deporte e consideramos este convenio como unha vía para estender o deporte á sociedade".

Pola súa banda, Alberto Gago manifestou que "o máis importante do convenio que hoxe asinamos é o valor que ten cara o futuro, porque nos permitirá colaborar tanto en actividades deportivas coma en proxectos de investigación. Confiamos en que este convenio propulse todo isto".

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com