Publicidade
Contacto
|
*Medios de comunicación, administración local e ensino centrarán a campaña da Mesa para o Día das Letras
· Na Asemblea Xeral da asociación criticouse a falta de incidencia real da Secretaría Xeral de Política Lingüística
Redacción 26 de marzo de 2007 A Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, que se celebrou o sábado na Galería Sargadelos de Compostela, acordou centrar nos eidos do ensino, a administración local e os medios de comunicación os actos previstos para a celebración do 17 de maio, que se desenvolverán en distintas comarcas da Galiza.
Nestes ámbitos será tamén nos que se centre boa parte do traballo da Mesa para os vindeiros meses. No tocante ao ensino, daráselle soporte e difusión ao novo decreto, realizando campañas nas facultades afectadas e enviando escritos aos departamentos educativos involucrados, entre outras actuacións.
No que respecta á administración local, desde A Mesa vaise facer un especial esforzo por impulsar a galeguización dos concellos. Un dos obxectivos a acadar é a reforma da Lei do Uso do Galego na Administración Local, para o cal xa se celebraron reunións cos tres grupos parlamentares galegos. Ademais, nas vindeiras semanas vanse a celebrar encontros coas candidatas e candidatos das sete principais cidades galegas e das principais vilas ás eleccións municipais para proporlles que asuman compromisos concretos de galeguización nas súas campañas electorais.
En canto aos medios de comunicación, A Mesa centra a súa atención nos públicos. O aumento das emisións en galego por parte de RTVE, para que se equiparen cando menos coas emisións en catalán, que non sufriron ningún recorte, será o principal cabalo de batalla da asociación en defensa da lingua neste eido.
Ademais de definir estas liñas de actuación, na Asemblea Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística tamén se avaliou a actuación da secretaria xeral de Política Lingüística, que hoxe cumpre dezaoito meses no cargo. Segundo a Mesa, "existe unha grande distancia entre a aparencia propagandística e a falta de incidencia real na sociedade". Neste sentido, o presidente da Mesa, Carlos Callón, manifestou, en declaracións aos medios, que "é sorprendente, por exemplo, que en todo este tempo a Secretaría Xeral non tomara ningunha medida para facer cumprir a lei con respecto ó topónimo e o uso do galego como lingua cooficial no concello da Coruña, unha permisividade que non se pode xustificar por moito que o alcalde da cidade sexa do mesmo signo político que a secretaria".
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|