ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Coordinadora Galega Pola Paz chama a concentrarse este martes para pedir o remate da guerra de Iraq

Chuza! esta nova!
Redacción 26 de marzo de 2007 O vindeiro martes día 27 ás 12:00 horas, na Praza da Concordia (San Lázaro, rotonda diante do pazo de Congresos, en Santiago de Compostela) a Coordinadora Galega Pola Paz convoca unha concentración co obxecto de reclamar o remate da guerra de Iraq, o peche de Guantánamo, así como para realizar unha ofrenda floral de homenaxe a tóda as vítimas da guerra.

No acto lerase a declaración institucional realizada co gallo do IV aniversario da guerra de Iraq, que reproducimos a continuación:

DECLARACION INSTITUCIONAL DA COORDINADORA GALEGA POLA PAZ

NO IV ANIVERSARIO DA GUERRA DE IRAQ

(2003-2007)


Cando hoxe se cumpre o 4º Aniversario do inicio dos bombardeos sobre Bagdad, a morte, a destrución, a violencia máis cruel segue presente en Iraq, cada día e tódolos días, catro anos despois da intervención e da ocupación militar decidida pola Administración Bush, co apoio incondicional de Blair e de Aznar, na tristemente célebre cita das Azores.

O número de mortos civís supera os 60.000, a cifra de feridos medra de forma alarmante, e estudios independentes como o da Universidade Estadounidense Johns Hopkins cifran en 650.000 os mortos totais desde que comezara a guerra, o que supón unha media de 500 mortos por día, entre eles os máis de 2.300 soldados norteamericanos.

A isto temos que sumar a destrución material xerada, o éxodo poboacional derivado, cerca de 4 millóns de persoas víronse obrigadas a abandonar os seus fogares, a metade delas fuxiron ós países veciños e case que 2 millóns malviven como desprazados interiores en condicións lamentables.

A violación dos dereitos humanos e do dereito internacional humanitario están sendo denunciados polos reiterados informes das misións oficiais de Nacións Unidas (desaparicións forzosas, execucións extraxudiciais, secuestros, detencións ilegais, matanzas de civís, torturas, asasinatos de xuíces, profesorado, persoal sanitario, sindicalistas...) que confirman como os sectores da sociedade máis febles, especialmente as mulleres, anciáns e a infancia, son os que sofren -en carne propia- as consecuencias do fanatismo e da intolerancia.

As mentiras e os pretextos utilizados para tentar lexitimar socialmente a invasión e a posterior ocupación militar de Iraq son hoxe papel mollado. A cidadanía global, empezando pola propia norteamericana, ten hoxe a completa certidume do abuso e da manipulación informativa practicadas para xustificar o inxustificable.

O conxunto de Oriente Medio, desde Afganistán a Palestina, pasando por Iraq, viven hoxe unha situación peor que a existente en 2003. A desestabilización xeneralizada na rexión é un risco hoxe, sen dúbida, superior, como consecuencia das ameazas lanzadas contra Irán. O terrorismo internacional de orixe yihadista conta hoxe con máis caldeiras de fabricación de odio e de desesperación, o mellor caldo de cultivo para a violencia. A paz, o dereito á vida, á dignidade e á seguridade das persoas, a democracia, a convivencia pacífica, o benestar, o desenvolvemento, a xustiza... están hoxe máis ameazados na rexión e internacionalmente.

Os efectos colaterais das guerras preventivas, do unilateralismo da administración Bush, conlevan fortes restricións dos dereitos e das liberdades de todos. Tamén a persistencia de infames limbos xurídicos como Guantánamo, da tortura, do secuestro e a existencia de cadeas secretas e de vós ilegais co silencio (cando non complicidade) dalgúns gobernos europeos.

Os anuncios de fortes incrementos orzamentarios, que o presidente norteamericano presentou fai uns meses no marco dunha nova estratexia de militarización, co incremento de 21.500 soldados, ou o último presuposto militar dos EE.UU, que supera ó dos 10 estados seguintes xuntos, significa claramente a persistencia nos mesmos erros e a consolidación dos intereses do complexo militar industrial norteamericano.

Neste IV Aniversario da guerra de Iraq, as razóns que nos levaron á maior protesta global contra da intervención militar seguen sendo válidas. A retirada das tropas españolas en Marzo de 2004, como consecuencia da demanda do 90% da poboación, significou un xiro histórico nas políticas belicistas e de submisión precedentes.

A cidadanía global contra da guerra non para de aumentar en todo o mundo, tamén nos EE.UU e en Gran Bretaña. Arredor destas datas serán numerosas as iniciativas promovidas polo movemento pacifista e as organizacións políticas e sociais, na demanda da paz, da redución dos gastos militares, da mundialización cívica dos dereitos humanos, do peche de Guantánamo, do remate da ocupación militar de Iraq, do triunfo do dereito e do diálogo sobre a forza e a imposición á hora de enfrontarnos cos conflitos, e o robustecemento e reforma do sistema de relacións internacionais que propicie a pacificación baixo o control de Nacións Unidas.

¡ POLA PAZ MUNDIAL!

¡ NON Á OCUPACIÓN MILITAR DE IRAQ!

¡ PECHE INMEDIATO DE GUANTÁNAMO!

¡NON Á GUERRA!

¡ POLA PROGRESIVA REDUCCIÓN DO GASTO MILITAR E A SÚA RECONVERSIÓN NA INDUSTRIA CIVIL!


COORDINADORA GALEGA POLA PAZ

Adega, AS-PG, Asociación Chambo, Asociación pola Esquerda, BNG, CAE, CAF, CIG, Coordinadora de Crentes Galegos,Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, CC.OO de Galicia, EU-IU, Federación Ecoloxista Galega, Fundación Araguaney, Fundación para a Igualdade María Xosé Arcos, Galiza Nova, Intered Galicia, Intermon- Oxfam, Mulleres Cristiás galegas, PSdG- PSOE, Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz), UGT- Galicia, Voluntariado Social Rogas, STEG, Xustiza e Sociedade, Xuventude Comunista Galega, Xuventudes Socialistas de Galicia


Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com