Publicidade
Contacto
|
*Festa de sexto aniversario, o sábado no Cineclube
· Contará coas actuacións de Leo i Arremecághona!!! e Ataque Escampe e a proxección de Stop Making Sense
Redacción 23 de marzo de 2007 O Cineclube de Compostela muda de día e actividade para celebrar este sábado 24 de marzo o seu sexto aniversario cunha festa con proxección e concertos. Será, como o resto das súas actividades, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21), e dará comezo ás 21:30 da noite coa proxección de Stop Making Sense (Jonathan Demme, EUA, 1985). Ás 23:00 comezarán os concertos de Ataque Escampe e O Leo i Arremecaghona!!!. Desta, a música será a protagonista no Cineclube.
Stop Making Sense é o resultado da gravación de tres concertos dos Talking Heads por parte de Jonathan Demme en decembro de 1983. O primeiro filme da historia realizado completamente en vídeo dixital, esta fita foxe das concepcións habituais do videoclip para atopar un xeito de mostrar un concerto radicalmente distinto aos patróns impostos pola MTV.
Ataque Escampe, que acaban de editar o seu primeiro disco, Ed Wood e a invasión dos paraugas asasinos, co'A Regueifa Plataforma, xa están a gañarse por méritos propios un nome no panorama musical galego. Adoptando unha fórmula que mestura Violent Femmes, Del Amitri, The Pogues e incluso The Go-betweens, son quen de construír un discurso propio con unha gran personalidade.
Pola súa banda, O Leo i Arremecághona!!!, cantautor punk capaz de mesturar o dengue e o refaixo coa guitarra eléctrica e a Voces Ceibes co rock satánico, xa é ben coñecido por toda Galiza pola mor dos seus múltiplos concertos en bares, centros sociais e calquera lugar que se tercie. Chega á festa do Cineclube encadrado na súa xira E Aghomita!, coa que presenta o DVD Sigho (Vivo)! e o CD Aghomita, campión! que están a piques de saír.
O mércores que ven, o Cineclube recuperará a súa programación habitual, coa proxección de Dar a luz (Alumbramiento, Víctor Erice, Estado Español, 2002) e Dez (Ten, Abbas Kiarostami, Francia-Irán-EUA, 2002).
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|