Publicidade
Contacto
|
*Presentación de “ABRÍGATE” na Mostra de Cine Latinoamericano de Lleida
· A película rodada en Betanzos o pasado verán competirá na sección oficial a concurso
· Está rodada en galego e en castelán na súa versión orixinal
Redacción 23 de marzo de 2007 O vindeiro domingo 25 de marzo terá lugar no marco da XIII Mostra de Cine Latinoamericano de Lleida a preestrea de “ABRÍGATE”, a primeira película para a grande pantalla do director galego Ramón Costafreda (recoñecido realizador de publicidade e director da tv movie “Máis ca irmáns”) e protagonizada por Félix Gómez, Manuela Pal e María Bouzas, na que tamén intervén un amplo elenco de actores galegos como Celso Bugallo, Pablo Tamayo, Cristina Ramallal, Luis Zahera, Pepo Suevos, etc.
O guión de “ABRÍGATE”, que foi rodada o verán pasado en localizacións coruñesas como Betanzos, Caión e Miño, é de Fernando Castets -guionista de películas como “El hijo de la novia” e “Luna de Avellaneda”-, coa colaboración do propio director, e trátase dunha comedia romántica que ten a peculiaridade de ter sido rodada en galego e en castelán na súa versión orixinal.
A película, de coidado tratamento visual, conta unha historia de ida e volta, a de Valeria, quen cambiou o seu Buenos Aires natal por Betanzos, de onde procede a súa familia. Excéntrica, soñadora e divertida, aos seus 25 anos atópase nunha surrealista encrucillada sentimental ao namorarse do fillo do seu maduro amante.
A produción executiva do filme corre a cargo de Carmen de Miguel e a música é de Xavier Font (ex-compoñente do grupo Dar Ful Ful) e Arturo Vaquero (Humanoid) quen xa compuxeran música para varias curtametraxes, sendo este o seu primeiro largo. Está producida pola galega Continental, a catalá Oberón Cinematográfica e a arxentina Patagonik, e conta coa participación da TVG.
“ABRÍGATE” participa na Sección oficial a Competición desta mostra adicada á cinematografía latinoamericana que este ano cumpre a súa 13ª edición, e na que se proxectarán un centenar de películas das dúas beiras do Atlántico. Na sección a concurso participan un total de 12 películas de países como Arxentina, Chile, Porto Rico, Brasil, Venezuela, España e Cuba.
A estrea da película no festival terá lugar o domingo 25 ás 19:00. Alí será presentada polo seu director Ramón Costafreda, os produtores Carmen de Miguel e Antonio Chavarrías, así como o compositor Xavier Font e demais membros do equipo.
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|