ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Os clubs galegos de balonmán de División de Honra B promoverán o deporte de base nos centros escolares
· Santiago Domínguez Olveira e os representes de Teucro, OAR, Frigoríficos do Morrazo e Academia Octavio asinaron o convenio de colaboración
· Na última xornada de Liga, os clubs organizarán unha competición entre as categorías inferiores coincidindo coa celebración de dous derbis


Chuza! esta nova!
Redacción 19 de marzo de 2007 Os catro clubs galegos de balonmán que militan na presente tempada na División de Honra B (Teucro de Pontevedra, Oar da Coruña, Octavio de Vigo e Balonmán Cangas) promoverán o deporte de base nos colexios galegos e organizarán actividades para nenos e nenas, a través do convenio asinado hoxe coa Fundación Deporte Galego.

No acto estiveron José Manuel Moldes (C. Balonmán Cangas); Javier Rodríguez (Academia Octavio de Vigo); Evaristo Estévez (Teucro); Santiago Domínguez; Fernando Vidal (OAR Coruña) e José Luis Ouro (pte. da Federación Galega).

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, na súa calidade de Vicepresidente Executivo do Padroado da Fundación Deporte Galego, asinou hoxe o convenio cos catro clubs galegos, aínda que a colaboración con eles estase levando a cabo dende o inicio da presente tempada.

Cada un dos clubs está a organizar actividades con alumnas e alumnos nos centros escolares do seu entorno, incluíndo visitas dos xogadores e adestradores; conferencias sobre o deporte de base, a actividade deportiva como hábito de saúde, a actividade deportiva como ocupación axeitada do tempo libre,...; invitación a partidos de División de Honra B, organización de competicións escolares entre os centros educativos. Ademais, previamente á disputa da última xornada de Liga (13 de maio de 2007), na que curiosamente terán lugar dous derbis galegos (Pilotes Posada-Teucro Ence e OAR A Coruña-Frigoríficos do Morrazo) organizarán unha competición amigábel na que participarán as categorías inferiores dos catro clubs.

Santiago Domínguez anunciou que a achega do convenio é dun total de 150.000 euros a distribuír proporcionalmente entre os catro clubs, e afirmou que "estamos a vivir un momento moi importante; é unha sinatura histórica porque os catro grandes clubs do balonmán galego comprométense a iniciar traballos de promoción do balonmán nos centros escolares".

Este tipo de convenios podería estenderse a outras modalidades deportivas, tal e como anunciou o Director Xeral para o Deporte. Os representantes dos catro clubs destacaron o feito de que esta proposta xa lles fora feita aos anteriores gobernos da Dirección Xeral, sen que nunca tivesen resposta, polo que agradeceron a aposta de Santiago Domínguez polo balonmán galego.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com