Publicidade
Contacto
|
*A Mesa pola Normalización Lingüística reúnese cos grupos parlamentares para que actualicen a Lei de Uso do Galego na Administración local
· A asociación en defensa da lingua manterá tamén xuntanzas cos principais candidatos nas eleccións municipais para que inclúan compromisos concretos de normalización
Redacción 17 de marzo de 2007 Dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística reuníronse onte en Santiago cos representantes dos grupos parlamentares do PSdeG e o BNG, para solicitarlles que promovan a actualización da Lei de uso do galego na administración local, de cara a que se cumpran as medidas recollidas para este eido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado polo Parlamento Galego por unanimidade no ano 2004. O vindeiro mércores tamén se lle trasladará esta proposta ao grupo parlamentar do PPdeG.
Carlos Callón, presidente da Mesa, e Francisco Xosé Rei, membro da directiva, explicáronlles aos deputados de ambos os dous grupos a necesidade de reformar unha lei que data do ano 1988, para incluír nela medidas xa aprobadas pero que até o momento non tiveron concreción legal. Tanto os deputados socialistas Beatriz Sestayo e Francisco Cerviño como o nacionalista Bieito Lobeira se mostraron receptivos ás propostas, e recoñeceron que é de sentido común aplicar os acordos adoptados polo Parlamento.
Segundo o PXNLG, débese garantir a utilización da denominación xenuína, en galego, dos nomes de lugar por parte de todas as administracións. Ademais, o documento tamén recolle que os pregos de condicións e concursos deben estar en galego, e que esta ten que ser a lingua xeral de referencia oral e escrita.
Os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local, así como as súas intervencións xudiciais, deben ser tamén en lingua galega. Por outra banda, os contratos e as axudas públicas deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora. En canto ao funcionariado, deberán estabelecerse normas xerais e uniformes sobre capacidade lingüística exixíbel nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función. Tamén se programará un novo proceso de formación lingüística dos funcionarios que teña como obxectivo mellorar as actitudes, a fluidez expresiva e mais o coñecemento do vocabulario técnico específico. Ademais, os encargados de atender os teléfonos deberán facelo en principio en galego, entre outras medidas.
As reunións cos grupos parlamentares forman parte da campaña de galeguización da Administración local que A Mesa pola Normalización Lingüística está a desenvolver de cara ás vindeiras eleccións municipais, polo que a asociación tamén está a solicitar reunións cos candidatos á alcaldía nas principais cidades galegas, para reclamarlles compromisos concretos de normalización lingüística. Tamén se está a difundir unha moción para que poida ser aprobada polos concellos que o consideren oportuno.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|