ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*“A calquera persoa que resida nalgunha das cidades galegas lle gustaría que esta fose como Pontevedra”, afirmou Quintana na presentación de Miguel Fernández Lores
· O alcalde nacionalista afirma que o BNG “é a única garantía de futuro para esta cidade” e destaca que as demais forzas políticas van a remolque das súas propostas

Chuza! esta nova!
Redacción 17 de marzo de 2007 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, respaldou na súa presentación ao alcalde de Pontevedra e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores. “A calquera persoa que resida nalgunha das cidades galegas, vote como vote e pense como pense, gostaríalle que a súa cidade fose como Pontevedra, e por iso os pontevedreses síntense orgullosos da súa cidade”, afirmou.

Segundo Quintana, “Pontevedra está agora nun momento histórico; porque iniciou unha transformación por si mesma da man de Miguel Fernández Lores e do BNG e agora, por primeira vez, pode contar cun goberno galego que traballa cos mesmos obxectivos e cos mesmo ideais, polo que esta transformación se vai multiplicar”. Quixo enfatizar que “Pontevedra é unha prioridade para o BNG e para o goberno galego”.

O líder nacionalista, en referencia ao PP, afirmou que “nestas eleccións a escolla nunca estivo tan clara: ou o nacionalismo resolutivo, que se ocupa dos problemas da xente, ou os políticos de sempre que se ocupan de cousas que só lles importan a eles, como a unidade de España”.

“Esta cidade é un exemplo de como o urbanismo pode ser un arma limpa ao servizo das cidadanía, e non un arma de destrucción masiva ao servizo dos intereses duns poucos”, afirmou. Para o vicepresidente galego, Pontevedra é un referente para todo o país, e instou aos veciños a apoiar ao BNG para poder continuar o traballo feito até agora.

Discurso de Miguel Fernández Lores
O alcalde de Pontevedra e candidato á reelección quixo destacar que o BNG “é a única forza política deste concello que ten un proxecto claro de cidade, que fomos executando nestes útlimos oito anos de goberno, con resultados positivos á vista de todos”. “Somos a única garantía para o futuro da cidade”, afirmou.

O esforzo para trasladar Ence da súa ubicación na Ría tivo un lugar destacado no discurso de Lores. Afirmou que “todos se foron sumando ao carro no noso esforzo para recuperar a Ría de Pontevedra”. “Por suposto, isto non sería posíbel sen o apoio dunha cidadanía consciente e preocupada polo medio ambiente e o futuro de Pontevedra”, dixo. “E este é un exemplo de que as demais forzas políticas veñen detrás nosa”, sostivo.

Destacou ademais que “Pontevedra é líder en moitos aspectos”, resaltando que é a cidade galega que máis medrou nos últimos anos, e a que ten o maior crecemento vexetativo, xunto con Vigo. “Así mesmo, gañamos en emprego, en actividade económica, e ao tempo mantemos uns prezos baixos para a vivenda”, afirmou o actual alcalde.

Porén, Lores quixo resaltar que o BNG segue tendo novas ideas para o futuro de Pontevedra. Fixo fincapé na necesidade de novas infraestruturas para resolver problemas pendentes, como unha ronda urbana que resolva os problemas dos tráficos perimetrais á cidade. Tamén mencionou especialmente a necesidade de investimento en equipamentos sociais: residencias para os maiores, galescolas -aquí recordou que a Vicepresidencia xa ten dúas en marcha- e o novo hospital único. Así mesmo, prometeu novos equipamentos deportivos para a cidade, como a pista de piragüsmo do Pontillón do Castro.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com