ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O XXX Trofeo de Campo a Través de San Miguel de Oia espera reunir a máis de 1.200 atletas
· O torneo disputarase o domingo 18 de marzo no parque forestal de San Miguel de Oia

Chuza! esta nova!
Redacción 15 de marzo de 2007 A trinta edición do Trofeo de Campo a Través de San Miguel de Oia, que se celebrará o próximo día 18 de marzo no parque forestal de San Miguel de Oia, ten como obxectivo conseguir xuntar a máis de 1.200 participantes entre todas as categorías.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do trofeo, ao que asistiu o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira; o presidente da Sociedade Deportiva Atletismo San Miguel de Oia, Gilberto Costas, e a concelleira de Distritos, Marisol Polo.

No transcurso da rolda de prensa, o director xeral destacou que o obxectivo fundamental desta proba é "fomentar a participación e desta forma a práctica deportiva polo que é a nosa obriga estar ao lado dos organizadores. O atletismo, o deporte rei, é sinónimo de sacrificio, de esforzo, tanto dos deportistas como dos clubs e por iso estamos encantados de poder traballar en colaboración coa Sociedade Atletismo San Miguel de Oia, que leva moitos anos demostrando a súa valía".

Pola súa parte, Costas agradeceu o apoio da Dirección Xeral para o Deporte, "dende o momento no que lle presentamos a memoria do proxecto, apostaron por nós de forma decidida".

As carreiras comezarán ás 10 da mañá coa proba alevín masculino e a última saída terá lugar as 13.25 horas coa disputa da proba de pitufos feminino (125 metros). A carreira popular, na que se espera unha importante participación terá lugar ás 12.15 horas e será sobre un percorrido de 7.770 metros (4 voltas no circuíto). Haberá atletas de toda Galiza e Portugal, ademais de deportistas procedentes de Asturias, Castela e León, Euscadi e outras comunidades.

Nesta trinta edición o obxectivo dos organizadores é lograr un éxito de participación. Hai dous anos contaron con 1.100 atletas inscritos, pero o ano pasado descendeu de forma importante, así que para a presente edición confían en lograr entre 1.200 e 1.500 persoas e haberá multitude de premios e regalos para os participantes: "Imos dar máis de trescentos regalos e haberá 1.200 medallas para todos os participantes, rematen ou non a carreira", indicou Gilberto Costas. Até agora xa contan con un importante número de confirmacións que continuarán até o día da proba. Por último, o presidente do club organizador agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas de San Miguel que "acollerá aos participantes de 5 a 15 anos".

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com