Publicidade
Contacto
|
*Vicepresidencia traballa nun plan integral de mellora das Casas do Mar para rescatalas do abandono que sufriron nos 16 anos de goberno do PP
· Agarda a transferencia da súa titularidade por parte do ISM que xa se está a negociar con Madrid, xa que até agora só está cedida a xestión dunha parte destes inmóbeis, pero non a súa titularidade que segue a ser estatal
Redacción 15 de marzo de 2007 A Vicepresidencia da Xunta de Galiza prepara un plan integral de mellora das Casas do Mar espalladas por toda Galiza. Despois de 16 anos de goberno nos que o PP tirou ao lixo as Casas do Mar e as condenou ao abandono, igual que fixo cos mariñeiros, a Vicepresidencia está a reparar esta herdanza elaborando un plan de actuacións para mellorar o deplorábel estado no que os gobernos de Fraga deixaron estes inmóbeis.
Sobre as Casas do Mar, a Vicepresidencia di non atopou papel nin informe algún sobre o seu estado e necesidades cando chegaron ao goberno, e este departamento leva feito un importante traballo de inspección, análise e planificación do estado destes inmóbeis para acometer un plan integral de mellora dos mesmos, din. Nada máis chegar ao Goberno, e detectados os graves problemas e deficiencias provocados por anos de abandono destes centros, a Vicepresidencia acometeu un primeiro bloque de obras de choque para reparar cuestións urxentes nestes centros, obras que supuxeron xa cuadriplicar os orzamentos que o PP na Xunta destinara a estes inmóbeis en 16 anos de goberno. Agora, o departamento que dirixe Anxo Quintana está a facer un pormenorizado análise e avaliación do estado de todas as casas do mar de Galiza para acometer nelas obras de importante calado.
Estas actuacións pasan ademais, en primeiro termo, pola transferencia ao Goberno galego da titularidade destes inmóbeis, que aínda reside no Instituto Social da Mariña, dependente do Estado. A Vicepresidencia da Xunta detenta sobre estas casas do mar a xestión dunha parte das dependencias que o ISM ten en Galiza, por iso ten demandado a Madrid a súa titularidade, que se está a negociar xa no seo da Comisión Mixta de Transferencias e sobre o que o Goberno do Estado ten expresado a súa vontade política de proceder a este traspaso. O feito de non sermos titulares destes inmóbeis, de feito, complica e provoca retrasos nas actuacións que dende a Vicepresidencia se queren levar a cabo neles, xa que o ISM como titular das Casas do Mar ten que autorizar todas e cada unha das actuacións e investimentos que nestes centros se leven a cabo.
Paralelamente a este proceso de transferencia en Madrid, a Vicepresidencia da Xunta de Galiza está traballando xa "como o fai unha administración seria e rigorosa", indican, inspeccionando ao detalle o estado de todos e cada un destes inmóbeis, avaliando o seu estado e cuantificando as necesidades e preparando o que será o plano integral de mellora dos mesmos.
O estado no que se atopan estes inmóbeis despois de 16 anos de abandono por parte dos sucesivos gobernos do PP é deplorábel, e esta Vicepresidencia adquiriu o compromiso de arranxar esta herdanza penosa dos gobernos de Fraga. A esta Vicepresidencia sorpréndelle que sexa precisamente agora que moitos alcaldes do PP clamen ao ceo polo estado destes centros e reclamen solucións, cando en 16 anos que o seu partido gobernou en Galiza non fixeron nada por evitar esta situación, sentencian. Por iso a Vicepresidencia considera que o PP e moitos alcaldes deben desculparse cos veciños e veciñas e coas mariñeiras e mariñeiros usuarios destes centros por acordarse agora deles mentres que cando Fraga gobernaba non dedicou nin un minuto a esta cuestión e todos estes alcaldes estiveron anos calados.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|