ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Quince compañías de teatro afeccionado de toda Galiza participarán na cuarta edición de Teatrofilia
· O concello coruñés de Vedra acollerá este festival de teatro afeccionado entre o 9 de marzo e o 1 de abril

Chuza! esta nova!
Redacción 07 de marzo de 2007 O concello coruñés de Vedra converterase a partir deste venres 9 de marzo e durante todo un mes na capital galega do teatro afeccionado da man de Teatrofilia, a Mostra de Teatro Amador que se celebra por cuarto ano e abalado polo éxito das edicións precedentes. Quince grupos das catro provincias galegas pasarán polas táboas durante os venres, sábados e domingos até o 1 de abril, quedando inaugurada polo grupo de teatro da Residencia da Terceira Idade Porta do Camiño de Santiago de Compostela, con A lenda de Xan Bonome.

Como é habitual, ademais do teatro afeccionado que se homenaxea neste ciclo, tamén se acollerá unha actuación profesional, que nesta ocasión e tal e como demandou o público o ano anterior, será unha representación de títeres, coa actuación do artista compostelano Kukas e a súa peza O vento acatarrado.

A Asociación Cultural Papaventos, organizadora da mostra que se celebra na Casa da Terceira Idade de Vedra, agarda repetir o éxito acadado nas tres edicións anteriores, cunha media de 200 persoas por sesión. Algúns dos grupos máis antigos dos escenarios afeccionados pasarán por Vedra, como Teatro do Improvisto (Boiro), Achádego (Lugo) ou Tiruleque Teatro (O Carballiño). O teatro universitario tamén terá o seu espazo, coa Aula de Teatro da U.S.C., que achegará o seu espectáculo de comedia dell arte que tan boas críticas recibiu trala súa estrea, Trufaldino Señor de dous amos.

Varias compañías estrearán espectáculo en Teatrofilia, como a Aula de Teatro de Muros ou o grupo de teatro Andaravía, pertencente á A.C. Papaventos, que chega cunha peza de terror cómico de creación propia, Metus Extremis. Será o grupo anfitrión, xa que logo, quen se encargará de pechar o ciclo de teatro afeccionado o día 1 de abril.

Papaventos, que organiza esta mostra en colaboración coa Consellaría de Cultura a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, co Concello de Vedra e a Asociación Cultural Ullán, pretende reforzar a presenza do teatro afeccionado dentro do ámbito cultural galego, que conta con escasos espazos nos que manifestarse e que constitúe un importante elemento de dinamización cultural. Así, a intención é que Teatrofilia continúe a asentarse coma un referente dentro do panorama teatral afeccionado galego, e ao mesmo tempo ofrecer unha alternativa de ocio para os veciños e veciñas da comarca.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com