Publicidade
Contacto
|
*Quintana afirma en Bilbo que o PSOE "poderá mostrar a súa vontade autonomista" na negociación para transferir competencias a Galiza
· Acusa o PP de ter posicións de estrema dereita e de "querer cambiar o Estado de Dereito polo Estado da Vinganza"
Redacción 07 de marzo de 2007 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, pronunciou en Bilbo unha conferencia sobre "O Estado plurinacional como reto" convidado pola Fundación Sabino Arana. Na rolda de prensa posterior, preguntado pola posición do PSOE arredor do autogoberno e o proceso de reforma estatutaria, afirmou que esta forza política "poderá agora demostrar a súa vontade autonomista nas negociacións para transferir ou delegar novas competencias que estamos a manter no goberno do Estado".
Quintana considera que é mellor "aparcar" a negociación estatutaria, mentres non cambie a actual situación política, cambio que desvinculou dos procesos electorais inmediatos. Nese sentido, foi moi crítico coa posición do Partido Popular, ao que acusou de manter "unha estratexia de confrontación insustentábel, propia dunha organización de estrema dereita". Canto ao "caso De Juana", afirmou que "pretenden cambiar o Estado de Dereito polo Estado da Vinganza" e criticou as recentes declaracións de Núñez Feijoo ao respecto.
O vicepresidente do Goberno galego considera que o PP se está a converter nunha forza política "inútil para Galiza e os galegos" e que perdeu toda autonomía respecto de Madrid. Segundo afirmou, "seguen unha estratexia que os afasta dos seus propios votantes".
Maioría parlamentar a favor dun Estatuto de Nación
Durante a conferencia, Quintana fixo unha exposición en que relatou os obxectivos do BNG desde o Goberno galego, destacando as ideas de "garantir un novo lugar institucional para Galiza no Estado" e de "educar o goberno de Madrid no respecto a Galiza". Asemade, explicou o proceso de negociación do novo Estatuto galego, tirando a conclusión de que no noso país existe unha "maioría parlamentar a favor dun Estatuto de Nación".
Para o líder nacionalista, o PP ten unha estratexia "de impedir novos estatutos nas nacións do Estado" que foi o que en última instancia impediu o acordo das tres forzas políticas galegas. Considera que Feijoo leva un ano "xogando ao despiste" e de novo enfatizou que agora "toca ser prudentes" e agardar a que haxa un escenario máis favorábel para reabrir as negociacións.
Novas competencias
Quintana -responsábel no goberno galego de negociar as transferencias a través da área de Relacións Institucionais- citou tres vías para aumentar o autogoberno galego: o desenvolvemento do vixente Estatuto, o artigo 150.2 da Constitución -"transferencias e delegación de competencias por Lei Orgánica"- e o artigo 36 do propio Estatuto Galego -competencias non asumidas no estatuto-.
Dentro do proceso negociador co goberno do Estado, destacou a importancia de ter creado unha Comisión Bilateral para este asunto. No terreo do concreto, destacou un paquete de 7 competencias que se van priorizar, e que inclúe áreas como a seguranza marítima, a inspección de traballo e os arquivos históricos e museos xestionados pola Xunta e dependentes do Estado.
Navantia Fene
Quintana apostou por rematar "co modelo de Estado-Nación propio do século XIX" e que "relega Galiza a un papel secundario". Puxo como exemplo dos prexuízos que este deseño estatal ocasiona ao noso país a negativa do Estado a permitir a privatización dos activos ociosos de Navantia Fene.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|