ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O Pleno do Concello de Lugo debate unha moción do BNG en apoio ao Plan Industrial para o estaleiro de Navantia Fene
· Os nacionalistas lembran que a cidade de Lugo está irmanada coa de Ferrol "polo que ten que ser solidaria cos problemas de Ferrolterra"
· Mocións semellantes foron aprobadas xa en concellos como Vigo, na Deputación da Coruña e mesmo no Parlamento Galego, onde foi aprobada por unanimidade


Chuza! esta nova!
Redacción 05 de marzo de 2007 O Pleno Municipal do Concello de Lugo debaterá esta tarde unha moción do BNG en apoio ao Plan Industrial da Consellaría de Innovación e Industria para o estaleiro de Navantia Fene. O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Xosé Anxo Laxe, avanzou que iniciativa busca "apoiar o futuro da comarca de Ferrolterra, coa que o Concello de Lugo mantén unha estreita relación que ten que plasmarse nunha colaboración institucional moito máis próxima". Mocións semellantes a estas foron aprobadas xa en Concellos como Vigo, na Deputación da Coruña e mesmo no Parlamento Galego, onde foi aprobada por unanimidade.

Xosé Anxo Laxe explica que as cidades de Lugo e Ferrol están irmanadas dende hai máis dun século e que cada ano é xa tradición a celebración de dúas visitas institucionais das respectivas corporacións: a de Ferrol vén a Lugo durante o San Froilán e a corporación luguesa devolve a visita durante o San Xillao. Por iso, argumenta o voceiro nacionalista, "o Concello de Lugo ten que solidarizarse cos problemas de Ferrolterra e apoiar a busca de solucións de futuro para a comarca".

Conscientes de que o sector naval é estratéxico en Ferrolterra, na moción presentada polo BNG de Lugo móstrase o apoio á iniciativa do conselleiro Fernando Blanco para a comarca e ínstase á SEPI a permitir e apoiar o Plan Industrial da Consellaría de Innovación e Industria para Navantia Fene, a garantir plena carga de traballo aos estaleiros de Ferrolterra e a permitir que as instalacións ociosas poidan ser empregadas para a construcción de buques civís.

Xosé Anxo Laxe explica que no ano 1972 Astano era un estaleiro privado con capacidade para 350.000 toneladas de aceiro e un plantel de 6.000 traballadores. A reconversión chegou no ano 1984, cando o estaleiro Astano de Fene utilizouse como moeda de cambio en Bruxelas para iniciar a reconversión naval do Estado español e facer posíbeis as axudas públicas ao sector dos estaleiros públicos civís do Estado. A raíz deste cambalache prohibíase a construción de buques en Ferrolterra a partir de 1987, adicándose o estaleiro de Fene á fabricación de plataformas off-shore. Sen embargo, dende agosto de 2003, despois da entrega da plataforma encargada pola empresa Statoil, as gradas de Fene están valeiras e sen carga de traballo propia. De feito, e logo dunha prexubilación de 1.400 traballadores no ano 2004, Navantia Fene quedou con só 360 empregados e 800.000 metros cadrados de instalacións ociosas, converténdose nunha mera empresa auxiliar da antiga Bazán de Ferrol, adicada á construcción de buques militares, e non nun auténtico estaleiro.

A vista desta situación, a Consellaría de Innovación e Industria, ante a falla evidente de ocupación plena do estaleiro de Fene, propuxo en novembro de 2005 ao presidente da SEPI a constitución dunha comisión para a reindustrialización de Ferrol, da que forman as asociacións de empresarios da comarca e os tres sindicatos maioritarios. A raíz desa iniciativa, en xaneiro deste ano o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, presentou o Plan Industrial para o Estaleiro de Fene, un plan de viabilidade para o desenvolvemento da industria naval na ría de Ferrol baseado na desafectación de activos ociosos que hoxe existen en Navantia Fene, para poder construír buques civís e crear 250 postos de traballo directos e case 3.000 indirectos nun novo estaleiro. O promotor industrial desta iniciativa é a empresa Hijos de J.Barreras, e o finanzamento correría por conta de Caixanova e Caixa Galicia, demostrándose pois que se trata dun proxecto sólido e solvente.

O papel do PP e o PSOE

A prohibición sobre a construción de buques civís, que acabou por afundir os estaleiros de Ferrolterra, foi aprobada tanto polo PP primeiro como polo PSOE máis tarde. O Goberno central podía ter pedido a Bruxelas o levantamento do veto á construción civil no ano 2002 pero non só non o fixo, senón que o reiterou máis tarde no ano 2004 nun acordo que limita a actividade civil durante outros dez anos, incumprindo ademais deste xeito un dos acordos adoptados logo da catástrofe do Prestige, no Consello de Ministros celebrado en xaneiro de 2003 na Coruña, onde se acordou solicitar da Comisión Europea que erguese as restricións á construción de buques á empresa denominada daquela Izar-Fene.

Sen embargo, e a pesares desta actuación tanto por parte do PP como do PSOE, o voceiro do BNG en Lugo, Xosé Anxo Laxe, espera lograr o apoio unánime dos grupos do PP e o PSOE de Lugo a esta moción, na que se solicita da SEPI que deixe de poñer atrancos ao Plan Industrial da Consellería de Industria, pois unha iniciativa similar xa foi aprobada por unanimidade no Parlamento Galego.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com