ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Chega CULTUR.GAL a Feira do Libro e da Industria Cultural
· Será no Pazo de Cultura de Pontevedra os días 10, 11, 12 e 13 de maio de 2007

Chuza! esta nova!
Redacción 01 de marzo de 2007 A Asociación Galega de Editores (AGE) no seu traballo de promoción e difusión do libro e da industria cultural de Galiza, e atendendo á falta dun espazo de encontro e de visualización de toda a oferta producida pola industria cultural do país, organiza CULTUR.GAL, Feira do Libro e da Industria Cultural, un proxecto que quere ser unha plataforma, na que se integren, dinamicen e interrelacionen a pluralidade dos sectores que actúan ao redor da industria cultural galega, co ánimo de que se converta en referencia imprescindible e obrigada, a xeito de cita anual, para todos os que queiran coñecer a oferta cultural galega.

Sería a primeira vez que en Galiza se levase a cabo un acontecemento desta envergadura no ámbito da industria cultural.

Unha das grandes liñas de actuación do Cultur.gal será o das actividades culturais. Xa que logo, ao longo dos catro días de maio en que se leve a cabo, existirá unha continuada oferta de actividades culturais, baseada na presentación de libros e discos, no encontro con escritores, músicos, proxeccións, mesas redondas, actuacións musicais, actividades infantís, danza, etc, así como a retransmisión en directo de diversos programas de radio e televisión, para o que se conta co apoio da RTVG.

O Cultur.gal posibilitará tamén o ser punto de encontro das asociacións profesionais representativas dos distintos sectores da industria cultural como editores, libreiros, distribuidores, escritores, tradutores, ilustradores, escritores, empresas de artes gráficas, produtores audiovisuais, músicos, produtores fonográficos, deseñadores de páxinas web, portais de internet, creadores de xogos de ordenador, artesáns do papel, encadernadores artísticos, empresas de reprodución artística, etc.

Un dos obxectivos dos organizadores é que o Cultur.gal se converta nun lugar de interese para toda a cidadanía, como escaparate da realidade cultural do país, onde, ademais, e dado o carácter industrial da feira, os produtos culturais estarán á venda.

Ao constituírse o Cultur.gal como gran espazo de mostra e venda facilitará un aumento do volume de vendas e unha mellor comercialización dos diferentes soportes culturais: libros, discos, produtos audiovisuais, produtos informáticos, artesanía do libro e do papel.

O CULTUR.GAL celebrarase no Pazo de Cultura de Pontevedra os días 10, 11, 12 e 13 de maio de 2007.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com