ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Fillos de Galiza proclama a 'Nación Mundial Galega'
· Defenden que o pobo galego espallado polo mundo constitúe unha nación non limitada xeograficamente a territorio ningún, nin sequera a Galiza

Chuza! esta nova!
Redacción 01 de marzo de 2007 Segundo se pode ler na proclamación que fixeron pública hoxe en Internet no enderezo NacionMundialGalega.info, os responsables do principal portal da diáspora galega pretenden un recoñecemento para esta "nación" e o seu "dereito a pervivir na Historia como feito singular social e cultural sen comparanza agás con algúns pobos máis da Humanidade", como o xudeu ou o irlandés.

Esta declaración dos galegos en conxunto como nación xorde nun intre en que a definición de Galiza como tal demostrou ser un atranco polo de agora insalvábel para a reforma do Estatuto de Autonomía. Diante do debate encol se Galiza é ou non é unha nación, a Asociación Cultural Fillos de Galiza opta por definir como tal ao conxunto dos galegos con independencia de onde residan ou mesmo do seu grado de parentesco. "Non queremos limitar a condición de galegos aos que naceran alá, nin aos seus fillos nin aos seus netos. Para nós quen queira considerarse galego ou galega, ten dereito a formar parte desta nación mundial", explica Manuel Casal Lodeiro, presidente de Fillos de Galiza, facendo unha indirecta referencia ao asunto do recoñecemento legal da nacionalidade dos descendentes de españois que está pendente de reforma por parte do goberno socialista.

En Fillos mesmo crearon unha nova bandeira a partir da bandeira de Galiza, á cal engadiron unha segunda franxa azul para representaren "a outra metade do pobo galego", e unha terceira cor, a negra, que simboliza o trauma histórico da emigración e que é, segundo afirman, o que dá orixe a esta "nación" que "existe tanto dentro como fóra" dos límites territoriais e administrativos da súa terra de orixe.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com