Redacción 31 de maio de 2007 Saíu á venda o número catro de Longalingua, revista mensual sobre lingua e sociedade editada pola Mesa pola Normalización Lingüística, que nesta ocasión traslada aos seus lectores a San Tomé e Príncipe, grazas a un artigo do xornalista e destacado intelectual santomense João Carlos na sección Além Minho, que cada mes se aproxima a un país da lusofonía.
Víctor Naguil, responsábel de relacións internacionais do partido Wallmapuwen (Compatriotas do País Mapuche), analiza para a revista a situación do mapuzugun, lingua do pobo mapuche que se fala en Chile e Arxentina.
O novo proxecto de galeguización do ensino continúa a fomentar o debate. Neste caso a escritora e docente Marta Dacosta analiza no artigo "O seu dereito, a nosa obriga" o papel fundamental que xogan os docentes no uso do idioma no ensino, como peza fulcral na normalización da lingua, "non só respectando o que nos marque a lei, senón tamén sendo un exemplo próximo de que a nosa lingua é útil dentro e fóra da aula".
Este número de Longalingua tamén inclúe, ademais da habitual sección de noticias, dúas entrevistas: con Francisco Rei, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, e con Xosé Fernández, primeiro tenente de alcalde de Ames e socio fundador da Mesa, quen explica o proceso de normalización do Concello e tamén unha parte da historia da creación desta organización.
A revista Longalingua, que ten unha importante presenza nos centros educativos, inclúe en cada número unha proposta de ensino. Neste caso preséntase un decálogo de propostas para fomentar o uso do galego, dirixidas tanto a alumnos como a profesores.
O xuíz Luís Villares realiza a crónica da presentación do Informe Lingüístico da nosa Terra del Eo-Navia, que recentemente deu a coñecer o académico non numerario da RAG Carlos Varela Aenlle para lembrar a situación en que se encontran os concellos de fala galega do occidente da comunidade autónoma de Asturias.