ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Comeza a segunda edición de "Vai de Camiño", que achegará as actuacións de 181 artistas galegos a máis de 100 concellos nos meses de verán

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 31 de maio de 2007 O programa Vai de Camiño 2007, organizado polo Xacobeo e a Consellaría de Innovación e Industria, da comezo mañá venres nas localidades de Vilagarcía de Arousa e Boqueixón. Berrogüeto estará acompañado en Vilagarcía por ruadas que amenizarán a vila dende as oito da tarde até as dez, cando comeza o concerto no Auditorio Municipal. Son de Leilía terá unha cita co seu público na Casa da Cultura de Camporrapado de Boqueixón, tamén na noite de mañá.

Xa o sábado, Marful actuará no Auditorio Municipal de Narón ás 20.00 horas e Milladoiro farao ás 22.00 horas no Campo da Barreira de Allariz. Antes da actuación de Milladoiro os alaricanos poderán gozar do ghiñol de Trompicallo na Casa da Cultura ás sete da tarde e mais dos ruadas os Lerenses e Fusilía dende as oito pola vila.

O domingo, a quenda será para os conteiros e monologuistas Cándido Pazó, Quico Cadaval, Paula Carballeira e Robert Bodegas, que actuarán en Ames, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O parque Rosalía de Castro de Friol acollerá a actuación desde as 13.00 horas da Banda de Música de Boiro e a súa Casa da Cultura abrirá dende as 20.00 horas para o concerto de Nordestin@s.

Os interesados en asistir aos espectáculos de Vai de Camiño poden consultar a programación e os seus posibles cambios en www.xacobeo.es

Vai de Camiño
A programación cultural Vai de Camiño 2007 achegará este verán ás vilas e cidades de todos os concellos polos que atravesan as rutas a Santiago música, maxia, danza, monicreques, contacontos, ruadas e outros espectáculos. Tras o éxito da programación do ano pasado e a novidosa experiencia desa primeira edición en canto á promoción dos músicos e artistas galegos e galegas, que levaron ás localidades do Camiño espectáculos destinados a veciños, peregrinos e visitantes estivais, o Xacobeo acomete unha nova andaina polas vilas xacobeas.

Esta segunda edición de "Vai de Camiño" conta cun número de artistas que integran o cartel que se incrementou nun 123%, de 81 en 2006 a 181 este verán, amais de ampliarse tamén o número de espectáculos, de 92 a 118, e de concellos con actividades, de 80 a 112, a totalidade dos concellos atravesados polas rutas xacobeas.

O obxectivo do programa Vai de Camiño é converterse de novo en referente musical e cultural do verán galego. O programa desenvolverase entre o 1 de xuño e o 29 de setembro, e o seu orzamento achégase nesta edición aos dous millóns de euros, a programación é moi variada e tenta dar cabida ao máis representativo do panorama actual galego. Consolídase así un circuíto que dinamizará durante o verán as vilas dos Camiños de Santiago.

Via Stellae
A partir de mañá venres 1 de xuño xa se poden adquirir as entradas soltas para os concertos de Santiago de Compostela da segunda edición do Festival Via Stellae cuxas actividades desenvolveranse entre o 3 e o 26 de xullo e que promove a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Innovación e Industria en colaboración coa Concellaría de Cultura de Santiago. Estas localidades poden adquirirse no Servizo de Venda de Entradas de Caixa Galiza (teléfono 902 43 44 43) e no Punto de Venda de Entradas do Festival Via Stellae situado na Oficina de Turismo de Galiza da Rúa do Vilar (nº 30-32) en Santiago. Entre 3 e 10 euros custan unhas entradas que teñen un 50% de desconto para menores de 25 e maiores de 65 anos.

No mesmo Punto de Venda de Entradas do Festival Via Stellae situado na Oficina de Turismo de Galiza poden seguir adquiríndose até finais de mes os abonos para os concertos de Santiago de Compostela. Estes abonos, que se poden mercar a prezos populares, inclúen os 6 concertos do Auditorio de Galiza (45 euros) e os 7 concertos que se celebrarán no Teatro Principal e no Salón Teatro (27 euros).

Por un económico total de 72 euros calquera persoa poderá asistir aos 21 concertos que terán lugar en Santiago de Compostela, xa que a adquisición deste abono garante a prioridade á hora de recoller as invitacións para os 8 concertos gratuítos que o festival programou en dúas igrexas da cidade (San Domingos de Bonaval e Igrexa da Universidade). Unha das formulacións do festival é garantir a accesibilidade a esta ampla oferta con entradas e abonos a prezos populares e unha gran porcentaxe de concertos con entrada libre: preto do 80% dos seus máis de oitenta concertos. Mantendo o seu centro de atención en Santiago de Compostela, meta dos Camiños, onde se desenvolven moitos dos concertos, o Festival de Música de Compostela e os seus Camiños aumenta a súa presenza noutras vilas e cidades galegas. Máis de oitenta concertos terán lugar durante o mes de xullo, case o dobre que na primeira edición, nunha iniciativa sen precedentes neste sentido na nosa terra, en Santiago e outros trinta e tres concellos das oito rutas xacobeas.

O Via Stellae segue a contar cunha destacada presenza de figuras internacionais. Só os nomes destes privilexiados artistas xa son unha boa proba da cualidade da programación: John Eliot Gardiner e English Baroque Soloists, Sigiswald Kuijken e La Petite Band, Rinaldo Alessandrini, Accademia Bizantina, etc. No cartel tampouco faltan distinguidas voces como as de Simone Kermes, Anne Sofie von Otter... O Festival Via Stellae volverá a ser de novo un lugar de encontro dos nosos artistas, das dúas orquestras galegas (a Real Filharmonía e a Sinfónica de Galiza) e dos músicos galegos que realizan un labor encomiábel de recuperación e difusión musical que non ten nada que lle envexar ao dos seus colegas doutros países e dos músicos que desenvolven a súa vida artística no noso país, con eses directores, cantantes, agrupacións, orquestras e artistas de primeirísimo nivel internacional. E que mellor para iso que aproveitar o singular marco ofrecido polo Camiño de Santiago, vía centenaria de intercambio e diálogo cultural.

O Via Stellae naceu como o que poderiamos definir esencialmente como un festival de música antiga e barroca. O repertorio vinculado á nosa terra estará presente coa Idade Media e os trovadores. Parte transcendental da programación desta segunda edición do Via Stellae, será a celebración do cuarto centenario de historia da ópera.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com