ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O BNG toma a iniciativa para desbloquear o plan xeral de Lugo e propón unha reunión a tres bandas co PSOE e o PP
· O voceiro municipal do BNG, Xosé Anxo Laxe, envía aos grupos do PSOE e do PP un documento con seis condicións para un Plan Xeral de consenso

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 30 de maio de 2007 O BNG no Concello de Lugo tomou hoxe a iniciativa para tentar desbloquear o Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado inicialmente hai case ano e medio, o 26 de xaneiro de 2006, e que se atopa á espera de que sexan respostadas as 6.500 alegacións presentadas polos veciños e as distintas asociacións e colectivos de Lugo.

A través do seu voceiro municipal, Xosé Anxo Laxe, o BNG fixo unha "proposta de consenso para o Plan Xeral" baseada en seis puntos de modificación. O voceiro do BNG reiterou que o BNG esixe, como dixo durante a campaña, "cambios substanciais" con respecto ao documento aprobado en solitario polo PSOE hai ano e medio.

O voceiro nacionalista explicou que o BNG presentou no momento de exposición pública do Plan Xeral un documento con máis de 100 alegacións que son a base da proposta feita hoxe. O modelo de cidade que propón o Bloque, explicou Laxe, é "máis humana, racional e sustentábel" que a proposta polo PSOE no documento aprobado en xaneiro de 2006.

As modificacións deberán facerse nos primeiros seis meses de Goberno
Xosé Anxo Laxe explicou que só quedan 8 meses de prazo límite para aprobar o PXOM (a suspensión de licenzas caduca o 11 de febreiro de 2008), posto que do contrario remataría o prazo máximo de dous anos decretado para a suspensión de licenzas, o que pecharía a posibilidade de aprobar un Plan Xeral en 5 anos. O voceiro do BNG explicou que as modificacións deberán facerse "contra reloxo", nos primeiros seis meses de Goberno, "sexa cal sexa ese Goberno", para que dea tempo a aprobalo en prazo.

Por iso, o voceiro nacionalista afirmou que "o Plan Xeral é un asunto urxente". "Non hai tempo que perder, hai que poñerse a traballar xa, de inmediato, nas modificacións que é preciso introducir", insistiu Laxe, que pediu "sentido da responsabilidade ao PP e ao PSOE".

A proposta do BNG para un Plan Xeral de consenso
O BNG fixou seis aspectos que deben ser modificados do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado inicialmente para que o documento conte co seu apoio.

Eses seis aspectos serían:

1.- Extensión da cidade
O BNG non considera racional plantexar unha cidade de 340.000 habitantes e considera que o "modelo expansivo" do documento aprobado polo PSOE fomenta "unha voracidade inmobiliaria que non é defendíbel" porque leva aparellados uns custes elevadísimos para o Concello á hora da prestación de servizos.

O BNG considera que é necesario colmatar a cidade, revitalizar os barrios, fomentar a rehabilitación e non aumentar o parque de vivendas baleiras que hai en Lugo (unha de cada catro, unas 12.000).

Esta é, a xuízo de Xosé Anxo Laxe, a primeira cuestión que hai que discutir entre os tres grupos políticos, a da dimensión proposta no Plan Xeral. O voceiro nacionalista botou man do informe emitido pola Consellería de Política Territorial sobre o Plan Xeral de Lugo, que incide na liña marcada polo BNG, e ao que deu lectura textual: "En función do artigo 14 da Lei 9/2002, o Plan Xeral debe determinar unha estimación racional de necesidades de solo, axustadas ás demandas previsíbeis. A respecto disto, cómpre indicar que o plan presentado acolle unha capacidade residencial de 74.000 vivendas (209.000 habitantes) en solo urbano e urbanizábel, máis 52.000 vivendas (147.000 habitantes) nos núcleos rurais. Estas cifras non gardan ningunha proporción coas necesidades que se poden estimar no período de tempo para o que se proxecta o Plan Xeral (10 anos segundo a Estratexia de Actuación, páxina 123 da Memoria). O que obriga a reconsiderar a clasificación do solo urbanizábel".

2.- Xestión urbanística
O BNG non está de acordo en que se deixe en mans da iniciativa privada a práctica totalidade do desenvolvemento da cidade. Tampouco defende a xeralización da mazá pechada, que uniformiza os barrios, nin o urbanismo agresivo dentro de grandes polígonos de actuación.

O BNG propón que o Concello "se converta en axente activo" e use os terreos que posúe en San Cibrao para liderar o desenvolvemento dos polígonos considerados estratéxicos para garantir vías de comunicación prioritarias, dotacións e zonas verdes.

3.- Vivenda pública
O BNG defende a utilización do urbanismo como instrumento ao servizo dos cidadáns para garantir o dereito ao acceso a unha vivenda digna, para o que o Plan Xeral debe contemplar:
- Destinar o 40% do solo urbanizábel a construción de vivenda pública. A proposta feita polo PSOE no PXOM non alcanza este porcentaxe, situándose en torno ao 30%. A proposta do BNG implicaría incrementar do 30 ao 40% esta reserva para vivenda pública.
- Distribuír a vivenda pública por todos os barrios da cidade. O BNG quere evitar a concentración excesiva de vivenda protexida para favorecer a cohesión social e a integración, evitando problemas como os que hoxe se dan en Lamas de Prado.
- Crear unha bolsa municipal de vivenda en aluguer para mozos. O BNG propón destinar o 25% dos aproveitamentos urbanísticos que lle corresponden ao Concello a crear un parque municipal de vivendas para mozos e mozas en réxime de aluguer. Estas vivendas estarían situadas por toda a cidade.

4.- Infraestruturas
O BNG non entende que non se teña en conta a chegada do AVE, estima que non se resolven no Plan Xeral os accesos á cidade, que deben ser melloradas as conexións co novo hospital e considera que a Variante Oeste (a nova autovía entre a A-54 e á A-6) ten un impacto ambiental enorme polo que debe ser estudada a súa supresión.

O BNG propón que se estude o traslado da vía do ferrocarril, co que se resolvería boa parte dos problemas de tráfico da cidade.

5.- Patrimonio e proteccións
O BNG considera "insuficiente" o catálogo de proteccións e estima que o patrimonio non recibe un tratamento axeitado no documento aprobado en xaneiro de 2006. O BNG solicita que se amplíe a lista de catalogacións de edificios protexidos para evitar a desaparición de patrimonio da cidade, como aconteceu co Gran Teatro, e defende unha protección integral para o barrio do Carme e a protección do Camiño Primitivo.

6.- Zona rural
O BNG non concorda co modelo de urbanizacións indiscriminadas proposto polo PSOE para a zona rural, onde se estabelecen 10,2 millóns de metros cadrados de solo urbanizábel en grandes bolsas de chan para urbanizacións. Daría como resultado unhas 40.000 novas vivendas na zona rural do concello. O BNG defende un modelo distinto baseado na potenciación dos núcleos rurais tradicionais e na construción de vivendas unifamiliares individuais.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com