|
Publicidade Contacto |
*A Consellaría de Cultura crea o I Certame Galego de Bandas de Música
Redacción 23 de maio de 2007 A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, reuníronse en San Caetano co presidente da Federación Galega de Bandas de Música Popular, Emilio Vázquez Guerra, para anunciar a creación do I Certame de Bandas de Música Populares e para apontoar o apoio do departamento a estes grupos cun investimento de 250.000 euros. Co obxectivo de potenciar as actividades das bandas de música galega, a Consellaría de Cultura acordou cos responsables da Federación Galega de Bandas de Música a celebración do I Certame de Bandas de Músicas Populares que terá lugar o 23, 24 e 25 de novembro en Compostela. En total destinaranse 90.000 euros para a celebración do evento, no que competirán 21 bandas seleccionadas previamente. Este espazo converterase nun punto de encontro para a posta en valor da música que se interpreta no país. Por outra banda, o departamento nacionalista acordou achegar 80.000 euros dirixidos á organización de máis de 50 encontros de Bandas de Música Populares, que cubrirían os custes de publicidade e a coordinación e o seguimento dos actos. Así mesmo, a Consellaría de Cultura non se vai limitar á difusión das bandas só no territorio galego polo que anunciou tamén un investimento de 50.000 euros para a participación destes grupos en competicións internacionais. Axudas a prol da renovación e galeguización do repertorio O departamento que dirixe Ánxela Bugallo contribuirá tamén con 30.000 euros á financiación de actividades formativas, á publicación de revistas, ao estudo e arranxo do catálogo de partituras, e á renovación e galeguización do repertorio. Desenvolverase tamén un apoio específico á Banda Sinfónica da Federación organizando te concertos en varias cidades galegas, así como no exterior e editarase un CD coa interpretacións do seu repertorio. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
