|
Publicidade Contacto |
*Preocupación na Asociación de Clubs Galegos de Fútbol ante a continua presenza de Meana e Branco nos locais da federación pese a estar inhabilitados
Redacción 23 de maio de 2007 Como é habitual a Xunta Directiva da Asociación de Clubs Galegos de Fútbol celebrou na tarde-noite de onte a reunión mensual na súa sé de Santiago de Compostela, na que estiveron presentes a práctica totalidade dos seus compoñentes, entre eles o actual Presidente, Plácido Díaz e o Vicepresidente e candidato á Presidencia da Federación Galega, Antonio Pérez González. Á espera da resolución, por parte do Comité de Xustiza Deportiva da Xunta, no referente ás reclamacións presentadas pola Asociación e que buscan a lóxica anulación do proceso electoral e en consecuencia da convocatoria de novas eleccións, causaron unha profunda indignación os informes presentados sobre que dous dos inhabilitados pola Xunta, caso de Xullo Meana e do que fose Presidente do Comité Técnico de Adestradores, Fernando Branco, sigan utilizando os despachos que tiñan no seu día na Federación e que é habitual velos neles. Esta situación enténdese como gravísima e por iso decidiuse por unanimidade o presentar ante o Comité de Xustiza Deportiva unha denuncia ao efecto. A máis diso os informes que chegan constantemente ao seo da Asociación sobre este asunto, tres dos compoñentes da Xunta Directiva da Asociación puideron observar persoalmente en días diferentes feitos como o relatado, o que está por outra banda provocando desasosego e estupor, no seo da propia Federación. Para rematar a Asociación tamén quere poñer en coñecemento do fútbol galego, o que a Comisión Delegada da Federación, non sexa convocada pese a levar constituída cinco meses. A regulamentación vixente obriga que esta Comisión (creada estatutariamente para vixiar e controlar á Federación), reúnase polo menos unha vez cada catro meses. Toda esta situación de desorde e interinidade está causando un grave dano ao fútbol galego, e desde a Asociación se insta á Xunta a tomar medidas o máis axiña posible, así como aos actuais dirixentes provisionais, para que dunha vez por todas se celebren novas eleccións, que é a única solución ao conflito. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
