|
Publicidade Contacto |
*Orozco inaugura até obras privadas en campaña
Redacción 23 de maio de 2007 O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Laxe, acusou hoxe a Orozco de "poñerse o casco das pseudoinauguracións" e de "incumprir o código ético aprobado pola Xunta de Galiza" para a campaña electoral. O candidato nacionalista explicou que "o candidato Orozco inaugura incluso obras privadas", como hoxe ten previsto facer en San Fiz, onde "inaugura unha urbanización dun promotor privado". Laxe pediulle a Orozco "que inaugure tamén a urbanización das Costas do Parque", que foi aprobada en solitario polo Goberno de maioría absoluta do PSOE e que vai a supoñer, a xuizo do candidato do BNG, "unha auténtica aberración urbanística que van a sufrir as xeracións vindeiras". Xosé Anxo Laxe reprochou tamén ao candidato Orozco que "utilizara" onte á Conselleira de Política Territorial, María José Caride, para "pseudoinaugurar" as obras da Ronda da Muralla, "saltándose o código ético firmado por ela mesma na Xunta". Laxe botou de novo man da iroría e falou do "frenesí laboral" que se vive estes días en moitas rúas de Lugo, "onde se multiplicaron os obreiros como os pans e os peixes" para poder inaugurar antes das eleccións obras que levaban meses a "ritmo caribeño". O candidato do BNG lamentou tamén que a Conselleira de Política Territorial, que pasou onte ao lado da estación de autobuses da cidade, non aproveitara para entrar a ver o seu estado. Laxe lembroulle que depende do seu departamento e que está "vella e destartelada". O candidato nacionalista lembrou tamén que Orozco prometeu hai dous anos "a bombo e platillo" a Gran Praza da estación de autobuses, pola que, dixo Laxe, "todos os lugueses estamos agardando, ao igual que por outros grandilocuentes proxectos deste Goberno como o esperado aeroporto transoceánico de Rozas", ironizou Laxe. A proposta do BNG para a estación de autobuses O candidato nacionalista, que visitou hoxe a estación de autobuses acompañado doutros membros da súa candidatura, explicou cal é a proposta do BNG para ese espazo. Laxe explicou que o BNG aposta por construír no solar da estación de autobuses un novo edificio municipal, de nova creación, que sirva para albergar todas as dependencias administrativas do Concello. A superficie restante, explicou o candidato nacionalista, destinaríase a crear unha gran praza pública, recuperando así o seu uso histórico, cando albergaba o Campo da Feira. Laxe explicou que esta é a "proposta de futuro" que fai o BNG para este espazo, unha proposta pensada para o momento da chegada do AVE a Lugo, pois desenvolveríase ao tempo que a estación intermodal, permitindo así unha profunda remodelación urbana. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
