ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Cinema
Sección coordinada por Bruño Fraga Bugallo

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


*Non tanto glamour como o pintan

· Unha outra visión da Gala dos Premiso Mestre Mateo 06

Publicidade:

Chuza! esta nova!
Redacción 22 de maio de 2007 O pasado mércores 9 de novembro celebrouse no recén inaugurado e recén privatizado Teatro Colón da Coruña a gala dos Premios Mestre Mateo do audivisual galego correspondentes ao pasado ano 2006. E aló foron quen subscriben por encarga de ArroutadaNoticias, sendo preciso dicir que non comezou a cousa con bon pé: ao primeiro, comezaron por nos espetar unha negativa preventiva frente ás nosas credenciais como imprensa; logo, a negativa converteuse en balbordo burocrático, co consabido mareo de aquí para alá; posteriormente -nin é preciso dicir que todo nun exquisito castellano -un amábel convite a voltarmos após media hora (estábamos convocados para as nove en punto e a esa hora nos presentamos) e a, se queríamos, "tomarmos mentres un café" (evidentemente, non por conta da casa, por aquilo das molestias, senón pola do noso propio peto).

E á media hora, obedientes, voltamos... Voltamos a ter que esperar, de pé e no vestíbulo, a que resolvesen a nosa acreditación porque xusto nese intre toda a enerxía protocolaria do evento estaba envocarda na Conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo -Gelines, para quen a coñece de toda a vida -que nesas entraba pola porta mentres a xefa do dito Protocolo se desvivía por a saudar e facer notar todo o alto que podía o estupendo e elegante que era "el vestido de la Conselleira". Malia os denodados esforzos, que saibamos, a esforzada muller non conseguiu que a unxisen Directora Xeral de nada, nin alí mesmo nin despois.

Mais a perfección protocolaria da gala dos Mestre Mateo deste ano non fixera en realidade máis do que comezar: unha vez convencidas as señoritas recepcionistas da nosa condición de imprensa acreditada -para que o tivo que pasar media hora longa -e situados nos nosos asentos -coa gala, por certo, xa iniciada -non tiveron mellor ocorrencia -neste caso unhas outras señoritas distintas das anteriores - que facernos levantar e cambiar un total de catro veces de butaca, mesmo para que algúns dos protagonistas da gala puidesen pasar e sentar. Aquilo si que foi organización e respecto pola imprensa e polos convidados en todo momento!

Canto á gala en si e ao seu desenvolvemento, pois que dicir? Desde o principio semellou que todo o bacallau estaba alí máis que vendido de antemán: Un Franco Catorce Pesetas era o traballo con máis nominacións e foi o traballo que máis premios levou. Polo medio, erros de vulto como que, por exemplo, xa as cámaras do evento enfocaban ao Director do filme mesmo antes de que dixesen en alto desde o cenario o nome do gañador, coa conseguinte desconsideración para o resto das candidaturas.

Non están certos, por certo, quen isto subscriben que dito filme Un Franco Catorce Pesetas, con todo o valor que lexitimamente se lle quixer atribuír, fose merecente de tal feixe de nominacións e de premios. Agás honrosos casos como De Profundis, clamorosas ausencias dun audiovisual de calidade que marcharon para casa coas mans vacías e, pola contra, premios máis que discutíbeis.

Foi a festa do audiovisual galego. E si, moito galego no cenario. Mais desgrazadamente pouco, ou ningún, no patio de butacas; e non digamos ao saír ao corredor.

Xosé Manuel Rei e Ana García informan para ArroutadaNoticias.com

RELACIONADO:
*Un franco, 14 pesetas, triunfa nos premios Mestre Mateo 06

Voltar a Cinema
Ir á Portada


Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com