|
Publicidade Contacto |
*Quintana destaca que o BNG está a conseguir que na campaña se fale "máis do que lle preocupa á xente e menos de aves e autovías"
Redacción 22 de maio de 2007 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, estivo esta mañá no Milladoiro, onde tivo un acto aberto ás preguntas do público sobre as propostas do BNG en política social. O líder nacionalista destacou que nesta campaña "temos conseguido que se fale un pouco menos de AVEs e autovías e algo máis do que preocupa á xente". Resaltou que "o que lles preocupa aos cidadáns é que haxa escolas infantís, vivenda protexida, residencias e servizos para os maiores". Quintana tamén enfatizou que, do mesmo xeito que se produciu un salto na economía coa aposta polo I+D (Investigación e Desenvolvemento), tamén hai que facer nos concellos unha aposta polo "I+B" (Igualdade e Benestar). Así, unha das medidas estrelas do BNG será a creción de 22 oficinas para coordenar as actuacións en materia de Igualdade e Benestar, na que colaborarán a Xunta, os concellos e o movemento asociativo. Alcaldes colaboradores e preocupados polo benestar e a igualdade "Precisamos máis alcaldes preocupados polo benestar e menos polas autovías", afirmou o vicepresidente do goberno galego, para quen a colaboración institucional entre Xunta e concellos en materia de igualdade e benestar "é imprescindíbel". "Os veciños teñen que saber se van ter alcaldes boicoteadores ou alcaldes colaboradores", destacou. Así mesmo, Quintana instou de novo a PP e PSOE a comprometerse a que os alcaldes destas forzas políticas asinen o convenio de integración no Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar posto en marcha polo goberno galego. O portavoz nacional do BNG tamén criticou a herdanza recibida do goberno de Fraga en materia de servizos sociais: "Galiza ten un índice de cobertura de prazas públicas en residencias para maiores de 1,8 prazas por cada 100 persoas, cando debería estar en 3,5. É o peor índice do Estado, só superado por Ceuta e Melilla; e iso que aquí gobernou un que era do gremio", dixo. Os servizos sociais como elemento en favor da igualdade O portavoz nacional do BNG resaltou que as escolas infantís, mais tamén os centros de día, residencias e centros para persoas dependentes son instrumentos que favorecen a igualdade entre homes e mulleres. Destacou que, cando hai que facerse cargo dunha persoa dependente, ou de nenos de cero a tres anos, son maioritariamente as mulleres as que se responsabilizan desta cuestión. Polo tanto "a mellora dos servizos sociais impedirá que sexan sempre as mulleres as que paguen o pato e favorecerá a súa integración no mundo laboral", segundo destacou Anxo Quintana. Máis galescolas en Ames No acto estivo presente o nacionalista Xosé Fernández, tenente alcalde e candidato nacionalista en Ames; Quintana, pola súa parte, puxo este municipio como modelo de colaboración coa administración autonómica en materia de servizos sociais. Ante a pregunta dunha muller presente no acto, comprometeuse a pór en marcha 3 novas escolas infantís no concello de Ames, dúas delas no núcleo do Milladoiro. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
