|
Publicidade Contacto |
*A Fundación Illa de San Simón bota a andar coa constitución do padroado e o nomeamento do xerente
Redacción 21 de maio de 2007 A fundación que se encargará de xestionar a Illa de San Simón, no concello de Redondela, xa pode comezar a traballar. O xeógrafo Francisco Xabier Méndez dirixirá a xestión dun organismo creado para promover o valor cultural e patrimonial da illa. Hoxe tamén se constituíu o padroado da Fundación, presidido pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo. O acto de constitución do padroado e o nomeamento do xerente tivo lugar hoxe na sé da Consellaría de Cultura e Deporte, en Santiago de Compostela. A vicepresidencia do padroado recae nun representante do Ministerio de Medio Ambiente e a secretaría no secretario xeral da Consellaría. Os vocais son os seguintes: os directores xerais de Creación Cultural e de Patrimonio Cultural, a directora xeral para o Deporte, a secretaria xeral e do Patrimonio da Consellaría de Economía e Facenda, os vicerreitores de extensión universitaria das tres universidades e o alcalde de Redondela. Francisco Xabier Méndez, xeógrafo de profesión, está especializado en promoción e desenvolvmento e local. Foi director de programas e proxectos da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo entre 2002 e 2006. Con anterioridade ocupou diversos cargos tamén no campo do desenvolvemento local na área de Vigo. Promoción cultural e de investigación A Fundación Illa de San Simón conta cun orzamento inicial de 750.000 euros, achegados pola Consellaría de Cultura, e entre os seus obxectivos está a conservación do patrimonio da Illa, desenvolver actividades culturais e educativas, sobre todo relacionadas co mar, mediante a organización de congresos, cursos e seminarios; conservar e xestionar as instalacións e edificacións. En breve presentarase a programación de actividades que organizará a Fundación para concretar estes obxectivos. En respecto ao acordo de concesión outorgada á Xunta polo Ministerio de Medio Ambiente, fican fóra os usos hoteleiros agás aloxamentos puntuais de profesorado, alunado e conferenciantes dos cursos e actividades que se impartan nas instalación das illas. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
