ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*ADEGA denuncia a presentación de novos proxectos encoros en zonas da Rede Natura
· Minicentrais: un pesadelo que non cesa

Publicidade:

Chuza! esta nova!
Redacción 16 de maio de 2007 A Iniciativa Lexislativa Popular en Defensa dos Ríos (agora Lei 5/2006 para a Protección, a Conservación e a Mellora dos Ríos Galegos) aprobada no Parlamento de Galiza por unanimidade, significou un serio chamado da cidadanía galega aos políticos para mudar radicalmente a xestión dos nosos cursos de auga. Nesta norma, estabelécese a necesidade de priorizar a conservación deste patrimonio fluvial fronte ás ameazas e agresións causadas, nomeadamente polos encoros e minicentrais. A este respecto, estabelécese a necesidade de elaborar con urxencia unha nova planificación hidrolóxica conforme ás directrices da Directiva Marco da Auga (Directiva 2000/60/CE).

No entanto, e malia a terse paralizado a tramitación dalgúns (non todos) dos encoros xurdidos ao abeiro da nefasta planificación hidrolóxica e hidroeléctrica do PP (e aínda vixente), seguen presentándose por parte das empresas novos proxectos de aproveitamentos hidroeléctricos, algúns deles mesmo en espazos da Rede Natura ou de alto valor natural.

Nas últimas semanas, ADEGA ten recibido comunicación da tramitación de 7 novas minicentrais e aproveitamentos hidroeléctricos, algúns deles tan rocambolescos como o encoro soterrado de Iberdrola en Parada do Sil que afecta aos emblemáticos Canóns do Sil, parte da Rede Natura. Esta obra suporía a construción dunha central de bombeo/turbinado soterrada a carón do encoro de Santo Estevo, para elevar a auga a un lago artificial de 37,5 hectáreas, 800 m arriba do río no cumio do canón, e deixala caer logo por quilométricas construcións soterradas. O faraónico proxecto implicaría un importante movemento de terras e unha intervención profunda nun espazo protexido, provocando un ferinte impacto paisaxístico nun lugar onde é precisamente a paisaxe o seu valor fundamental, foco de atracción turístico a nivel europeo.

Xunta a esta delirante obra, ADEGA ten coñecemento da presentación de máis proxectos nos ríos Grande (concello de Chandrexa de Queixa), no mesmo Sil (Nogueira de Ramuín), no río Camba (Laza), no Deva (Arbo) e no Tea (O Covelo), todos eles dentro de espazos da Rede Natura, así como no Verdugo (Pontecaldelas). Dáse a circunstancia que a xestión hidrolóxica desta bacía (Miño-Sil) corresponde á Confederación Hidrográfica do Norte, dependente do Ministerio de Medio Ambiente.

ADEGA entende que esta circunstancia non exime á Xunta de Galiza, a través das Consellerías de Medio Ambiente e Industria, de salvagardar a integridade dos nosos ríos e mandar unha mensaxe inequívoca ás empresas: non se autorizarán máis encoros nin minicentrais, e menos en espazos protexidos. O contrario sería fallar ao compromiso contraído coa cidadanía galega e explicitado no texto da Lei 5/2006 de Protección e Conservación dos Ríos.

ADEGA quere emprazar a ambas administracións, a galega e a estatal, para que artellen con urxencia os necesarios mecanismos de coordinación para o cumprimento da Directiva Marco da Auga. Ao mesmo tempo, a Xunta debería garantir o estrito cumprimento das leis galegas (Lei 7/1992 de Pesca Fluvial, Lei 1/1995 de Protección Ambiental de Galiza, Lei 9/2001 de Conservación da Natureza) en todo o territorio de Galiza, para impedir novas desfeitas nos nosos ríos.

Tanto ten de quen sexan as competencias: o mandado da cidadanía galega ficou ben claro no movemento social que deu orixe á letra da ILP dos Ríos e no espírito da norma: non máis minicentrais nos nosos ríos. Os nosos cursos fluviais xa teñen sufrido dabondo.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com