|
Publicidade Contacto |
*A Consellaría de Cultura celebra o Día dos Museos con contacontos, concertos, obradoiros e exposicións
Redacción 16 de maio de 2007 Os museos teñen un papel fundamental para a conservación e difusión do patrimonio cultural. Para impulsar esta función e o seu coñecemento na sociedade, desde 1977 celébrase o 18 de maio como Día Internacional de Museos. A Consellaría de Cultura organizará actividades para todos os públicos, en especial para os máis novos, nos museos que xestiona directamente. Serán espectáculos de contacontos, concertos musicais, obradoiros de expresión creativa a partir do traballo con fondos dos museos e inauguración de exposicións. O obxectivo é afondar nuns museos dinámicos, que permitan dar coñecer de forma atractiva o noso patrimonio cultural. Museo das Peregrinacións, Santiago de Compostela A partir deste venres día 18 e durante vinte días, terá lugar na sala de exposicións temporais o espectáculo Un camiño de lendas e música, onde cinco músicos e un actor realizarán un percorrido musical e contado polo Camiño de Santiago. Dirixido a alumnos de terceiro ciclo de Educación Primaria e da ESO, así como a centros da terceira idade, Un camiño de lendas e música é unha viaxe feita de relatos e de músicas, ligadas ás fotografías da exposición do Museo. Lendas que falan doutros lugares, mesmo doutros países, outras xentes e outras épocas. Lendas cargadas de simbolismo asociadas a determinados monumentos. Contos que nos falan tamén do lado mais profano do Camiño no que a picaresca e a ruindade humana fanse presentes. Monxes, labradores, pastores, peregrinos, cidadáns... todos eles deixarán a súa pegada en forma de lendas e música. Museo de Belas Artes, A Coruña O Museo de Belas Artes da Coruña ten programado para o día 16 a actividade Arteandando, que consiste nun obradoiro de danza destinado a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Trátase dun espectáculo que terá como protagonista o propio espazo museístico e as coleccións. Esta actividade está ligada a outras dúas que se veñen desenvolvendo desde o pasado 20 de abril cun obradoiro de 12 horas e que inclúen teatro e artes plásticas. Museo do Castro de Viladonga, Castro de Rei As actividades celebraranse o día 19, cunha programación con música, danza, teatro e visita nouturna ao castro. Ás 19 horas o grupo de teatro Upiasca representará no castro a obra Gueto. Posteriormente, o grupo de danza EDU da Universidade de Santiago de Compostela intepretará a peza Cun par de TAkÓNS. Finalmente, ás 20.30 horas haberá un concerto de jazz a carga da banda HOT 3sss+1. Ademais, durante o día acolleranse dúas visitas escolares, que incluirán a realización dun obradoiro arqueolóxico e a entrega de diverso material e produtos de divulgación cultural como agasallo. Museo Etnolóxico de Ribadavia O día 18 ás 12 horas inaugúrase a exposición A Aula no Museo, unha serie de debuxos realizados polo alunado de 2º de bacharelato e de 4º da ESO do I.E.S "O Ribeiro" de Ribadavia. A exposición é unha mostra do emprego dos fondos do museo polo público asistente e é resultado dos obradoiros sobre a súa colección de cerámica. Ademais da exposición, a partir do día 24 comezarán os obradoiros «Escribimos coa luz». A actividade ten como propósito traballar coas coleccións de fotografía, que están a constituír un fondo importante no museo. Dirixida a alumnos de segundo ciclo de ESO e de Bacharelato con ela proponse un estudo dos aspectos ténicos da fotografía e a lectura de imaxes. Museo marítimo-pesqueiro Massó, Bueu Organiza unha actividade especial de contacontos dramatizados sobre o contorno mariño e mariñeiro a cargo de Fátima Fernández e co título "Cóntame do mar". Esta actividade terá lugar en horario de mañá con público escolar como destinatario e nela participarán sesenta alumnos de ESO procedentes do IES Carlos Casares de Vigo. En horario de tarde, concretamente ás 20 horas, repetirase a actividade pero neste caso aberta ao público en xeral, especialmente recomendada para familias con nenos. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense Visita e explicación da "Peza do mes" (instrumental cirúrxico romano) ao Centro da terceira idade de Caixa Galicia, que se celebrará as 11,30 horas. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
