ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Consellaría de Cultura creará unha Axencia para fortalecer as empresas culturais galegas
· A AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS SUBSTITUIRÁ E AMPLIARÁ O IGAEM

Publicidade:

Chuza! esta nova!
Redacción 15 de maio de 2007 A cultura é un ben social que define e expresa a nosa identidade e á vez é un produto industrial: gran parte da nosa cultura é creada por empresas. Para consolidar ese tecido industrial e garantir que a cultura galega teña un lugar de seu no mundo, a Consellaría de Cultura creará a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Este novo organismo substituirá o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM, creado en 1989) ampliando as súas competencias a todos os eidos da cultura e tendo como obxectivo a promoción e consolidación do tecido empresarial do sector da cultura.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou hoxe o borrador de anteproxecto de lei de creación da Axencia, que se tramitará como unha reforma da Lei de Creación do IGAEM e que se prevé que estea aprobada polo Parlamento este ano. Para cando estea en funcionamento, a Axencia ampliará as competencias deste máis aló da música e das artes escénicas para crear un verdadeiro organismo de apoio ao conxunto das industrias culturais, xa que se considera que o actual IGAEM non se adapta ao contexto cultural actual.

Empresas culturais fortes
O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para ter empresas con ingresos suficientes e estables, fomentando a creación e comercialización de bens e servizos culturais de calidade e favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores. A Axencia tamén pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, á vez, aumentar a exportación. Para que a creatividade e a identidade galegas estean presentes no mercado cultural global, Galiza precisa de empresas fortes, capaces de crear e de exportar a nosa cultura.

Subvencións, liñas de crédito e campañas de promoción
Para acadar estes obxectivos, a Axencia Galega das Industrias Culturais apoiará a creación e consolidación de empresas do sector cultural e o establecemento de colaboracións entre elas; así como a distribución e comercialización dos produtos dentro e fóra do noso país. Para isto poderá establecer marcas de referencia e campañas publicitarias para reforzar a posición dos produtos culturais galegos.

A Axencia poderá participar en consorcios, conceder subvencións e facilitar liñas de créditos en condicións vantaxosas. Neste sentido, poderá concedelos ela mesmo ou actuando como intermediaria entre as empresas e as entidades financeiras privadas, en especial para poder afrontar grandes proxectos desde a iniciativa privada.

Segundo consta no borrador, os destinatarios da Axencia serán as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, así como de espectáculos en vivo.

Formación de profesionais e impulso de novas tecnoloxías e de infraestruturas
Para mellorar a capacidade das empresas a Axencia impulsará planos formativos dirixidos a incrementar a preparación artística, técnica e empresarial dos seus profesionais, en especial nas funcións de xestión e no emprego de novas tecnoloxías. Precisamente, a Axencia potenciará os programas de investigación e desenvolvemento cultural que faciliten a incorporación das empresas culturas galegas á sociedade do coñecemento.

A Axencia tamén se encargará de fomentar a creación e a utilización de infraestruturas e de equipamentos por parte dos axentes culturais, sobre todo para facilitar o acceso aos habitantes de núcleos pequenos de poboación.

Funcionamento e estrutura
O Consello de Dirección encargarase de aprobar as liñas directrices da Axencia así como de controlar e de avaliar a súa actividade ordinaria. Nel haberá representantes dos departamentos da Xunta con competencias no campo, entre os que figuran as consellarías de Innovación e Industria e de Economía. O labor cotiá da Axencia estará xestionado polos membros da Dirección, e a estrutura actual do IGAEM pasará a formar parte de AGADIC.

Para garantir o coñecemento da realidade das industrias culturais e as súas necesidades, crearase un Consello asesor no que estarán as asociacións e agrupacións máis representativas dos sectores culturais.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com