ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Innovación e Industria convoca as axudas sectoriais para investigación aplicada por valor de 36,4 millóns de euros
· O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 16 de xuño
· As subvencións están destinadas a pequenas e grandes empresas, agrupacións de empresas, centros tecnolóxicos e equipos de investigación


Publicidade:

Chuza! esta nova!
Redacción 15 de maio de 2007 A Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, vén de convocar no Diario Oficial de Galiza de hoxe as axudas deste ano para Programas Sectoriais (Investigación Aplicada, PEME I+D e I+D Suma), cun orzamento dispoñíbel de 36,4 millóns de euros, cofinanciados nalgunhas aplicacións con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional) e FCI (Fondo de Compensación Interteritorial).

Esta convocatoria de axudas articúlase en tres grandes subprogramas: Investigación Aplicada, destinada a apoiar a investigación aplicada nas tecnoloxías sectoriais de equipos de investigación do sistema público de I+D; PEME I+D, destinado a dinamizar o proceso innovador de I+D+i nas pequenas e medianas empresas (PEMES), e I+D SUMA, cuxo obxectivo é impulsar os proxectos de maior impacto desenvolvidos por diversos axentes do sistema, nos que se prima a estratexia articuladora e o compromiso investigador. Os beneficiarios destas axudas son empresas, agrupacións de empresas, centros tecnolóxicos e equipos de investigación de universidades e organismos, centros e entes públicos de investigación.

Os sectores que se beneficiarán destas subvencións son Medio rural; Medio mariño; Recursos enerxéticos e mineiros; Medio natural e desenvolvemento sostíbel; Biomedicina e ciencias da saúde; Tecnoloxías da alimentación; Tecnoloxías dos materiais e da construción; Deseño e produción industrial (con dúas modalidades: Deseño e produción industrial e Deseño e produción na automoción); Tecnoloxías da información e as comunicacións; Sociedade da información; Sociedade e cultura e Turismo.

MODALIDADES DE AXUDA
As axudas a Programas Sectoriais articúlanse en catro modalidades. A primeira delas está destinada a axudas para proxectos de investigación aplicada de equipos de investigación de universidades, organismos públicos de investigación, entes e centros públicos de investigación. O obxectivo destas axudas é financiar proxectos dirixidos por persoal investigador do sistema público de investigación que desemboquen en resultados transferíbeis ao sector empresarial. Para iso, as subvencións, que non superarán os 120.000 euros por proxecto, cubrirán gastos de persoal contratado, material inventariábel e funxíbel, desprazamentos, outros gastos e custos indirectos.

A segunda liña de axudas dos Programas sectoriais está destinada a proxectos de investigación aplicada de centros tecnolóxicos. A súa finalidade é promover o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada dirixidos por equipos de investigación dos Centros Tecnolóxicos galegos. As axudas, que poden abarcar até o 100% do custe subvencionábel, cubrirá gastos como persoal propio e adicional, material inventariábel e funxíbel, servizos tecnolóxicos externos, viaxes, colaboracións externas e custos indirectos.

Outra das modalidades de subvencións convocadas hoxe son as destinadas a proxectos de empresas públicas e privadas e agrupacións de empresas de carácter privado que teñan entre os seus fins ou realicen actividades de investigación. O obxectivo neste caso é promover o desenvolvemento de proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental realizados por PEMES e grandes empresas. Para iso subvencionaranse gastos de persoal propio e adicional, material inventariábel e funxíbel, servizos tecnolóxicos externos, viaxes e colaboracións externas. A contía máxima das axudas será de até o 50% do custo subvencionábel para proxectos de investigación industrial e até o 25% para desenvolvemento experimental. Tamén haberá que ter en conta que o custo total solicitado do proxecto ten que ser como mínimo de 50.000 euros no caso das PEMES e 90.000 euros no caso de grandes empresas. Estas cifras poderán chegar até o 80% nos supostos indicados no capítulo 5.1.3 do Marco Comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2006/C 323/01, DOUE 30.12.06)

A cuarta e última modalidade de axudas é para proxectos de investigación coordinadas entre os diversos axentes do sistema galego de I+D+i. A finalidade destas axudas é promover o desenvolvemento de proxectos realizados por universidades, organismos públicos de investigación, entes e centros públicos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas que actúen en coordinación. A cada un dos subproxectos aplicaráselle a contía, conceptos subvencionábeis e custo mínimo correspondentes a cada tipo de solicitante: equipos de investigación, centros tecnolóxicos e empresas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, até o 16 de xuño. Os formularios están dispoñíbeis nos enderezos electrónicos http://www.conselleriaiei.org/dxidi/ e http://www.xunta.es/cumprimentacion-electronica e deberán presentarse acompañados da documentación estabelecida en cada caso.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com