|
Publicidade Contacto |
*Entra en vigor unha lei que garante a atención oral en galego nas Administracións Públicas con sede en Galiza
Redacción 15 de maio de 2007 Esta semana entra en vigor a lei 7/2007 do Estatuto Básico do Empregado Público que, grazas a unha emenda dos deputados do BNG aprobada no Congreso, recolle explicitamente o dereito cidadán a ser atendido en galego. A Mesa pola Normalización Lingüística vai lanzar nos próximos días unha grande campaña para dar a coñecer ao conxunto da cidadanía que, mercé a este Estatuto, ten opción de reclamar con todas as garantías legais a resposta oral en galego por parte da Administración. A Mesa quere animar a todos os galegos e galegas a "exerceren desde xa ese dereito" e reclama ao Ministerio de Administracións Públicas e á Secretaría Xeral de Política Lingüística "que poñan en marcha o dispositivo necesario para a correcta aplicación desta norma, garantindo a capacitación lingüística das empregadas e empregados públicos que aínda poidan ter dificultades para se expresaren en galego". O Estatuto Básico do Empregado Público afecta ao conxunto do persoal funcionario e laboral que está ao servizo das Administracións, como a Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas, das entidades locais, universidades públicas, así como os organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera das Administracións. Concretamente, no artigo 54.11 desta nova norma sinálase que os empregados públicos "garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio", como é o caso do galego. A Mesa comezará a difundir esta nova lei estatal nos actos que ten programados para a celebración da Semana das Letras, que comezarán hoxe en Lugo, continúan mañá día 16 na Coruña, Vigo, Ourense e As Pontes, para estenderse no día 17 a Santiago, Madrid, Carballo, Boiro, Silleda e O Barco de Valdeorras, concluíndo o día 19 en Laxe. O que non fixo a Secretaría Xeral de Política Lingüística A Mesa critica que sexa grazas a unha norma estatal como a cidadanía vai ter garantido por lei a atención oral en galego por parte do funcionariado autonómico, debido á "desidia máis absoluta" da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente da Presidencia da Xunta. "Cómpre recordar que na maioría das comunidades con lingua propia, goberne quen goberne, o dereito á atención na súa lingua na súa Administración autonómica está estabelecido oficialmente. Aquí en Galiza o movemento cidadán levamos anos reclamándoo, sen que o departamento de Política Lingüística mova un dedo, nin antes nin agora, para facelo." Nese sentido, A Mesa lembra que "a secretaria xeral de Política Lingüística afirmou no Parlamento a principios de 2006 que nese mesmo ano habería un decreto de galeguización da Administración galega. Obvia dicir que en todo 2006 non se fixo nada nese camiño e, ademais, quitouse da planificación do traballo dese departamento para o ano 2007." Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
