|
Publicidade Contacto |
*Laxe pide a Orozco que suspenda as inauguracións en campaña
Redacción 15 de maio de 2007 O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Xosé Anxo Laxe, preguntou hoxe ao candidato do PSOE se está dacordo con Touriño en canto a que, por sentido ético, se deben suspender as inauguracións, visitas a obras e anuncios de actuacións institucionais durante a campaña electoral. Laxe lembrou a Orozco que o Consello da Xunta acordou o venres pasado suspender todas as inauguracións durante a campaña, así como non utilizar os coches oficiais, como unha medida garante da limpeza ética e democrática no exercicio da política. No entanto, no caso do Concello de Lugo, estas prácticas non só non se paralizaron, senón que se multiplicaron nos últimos días, sinalou o candidato nacionalista. Onte Orozco e varios concelleiros do equipo de Goberno visitaron as obras da Fábrica da Luz e a demolición do tapón de Ortega y Gasset e hoxe mesmo houbo unha nova visita ás obras do Plan Paradai. Laxe acusa a Orozco de "utilizar o cargo público para facer campaña electoral" mesturando os cargos de alcalde e candidato. "Non se pode ser alcalde pola mañá e candidato pola tarde", censurou o representante do BNG. Laxe alviscou un intento de Orozco e do seu Goberno por "facer ver en 10 días o que non fixo en catro anos" con visitas electorais a obras sen acabar como ao Plan Paradai ou á Fábrica da Luz. Ao xuizo do BNG, "trátase da política das primeiras pedras que popularizou o Partido Popular". Xosé Anxo Laxe pediu a Orozco que poña fin a estas prácticas por ser pouco éticas. O candidato nacionalista adiantou ademais que Orozco ten preparadas para a vindeira semana a inauguración de varias rotondas e outras obras menores nun intento de facerlles coincidir co final da campaña. Xosé Anxo Laxe pediu a Orozco que "tome exemplo" dos seus compañeiros na Xunta e no Goberno central, que hoxe decidiron abrir un tramo da Autovía do Cantábrico se ningún acto de inauguración por coincidir en campaña electoral. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
