|
Publicidade Contacto |
*A Mesa reclama "máis espazos de uso e menos homenaxe fúnebre para o galego" na celebración da Semana das Letras
Redacción 14 de maio de 2007 A Mesa pola Normalización Lingüística celebra esta Semana das Letras unha serie de actos, lúdicos e reivindicativos a un tempo, baixo o lema "Temos lingua propia. Queremos vivir nela". A organización en defensa da lingua afronta este 17 de Maio con retos específicos no ámbito do ensino, a Administración e os medios de comunicación, plasmados nun manifesto para o que está a procurar apoios a través da súa páxina web. O colectivo cidadán fai un chamamento especial ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para que "dunha vez por todas" comece a funcionar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que o Goberno galego "dirixa o proceso de recuperación e extensión social do idioma propio de Galiza". Para o presidente da Mesa, Carlos Callón, "o Día das Letras ten que ser unha xornada para activar a consciencia lingüística e construír novos espazos de uso para o noso idioma", rexeitando "a propaganda vacía, a homenaxe fúnebre á lingua, o cinismo dos cargos públicos que co galego seguen a máxima de que una vez al año no hace daño". A Mesa reclama pasos adiante no ensino, na administración e nos medios de comunicación No referido ao sector educativo, A Mesa proclama que "o novo decreto consensuado debe ser cumprido integramente no próximo curso escolar, pondo para iso a Consellaría de Educación todos os medios humanos e económicos que foren precisos. Esta nova norma legal ten que supor un paso máis cara á plena galeguización do sistema educativo a medio prazo." No tocante á administración, A Mesa fai un chamamento para que as corporacións locais que saian das eleccións cumpran o Plan Xeral de Normalización que o Parlamento aprobou en 2004 por unanimidade. Con este mesmo obxectivo, estanse a celebrar reunións cos candidatos e candidatas dos distintos partidos nas cidades e principais vilas. Dirixentes da Mesa xa mantiveron encontros cos candidatos do PP de Santiago e Pontevedra, do PSOE de Ourense e Pontevedra, do BNG de Santiago, Ferrol, A Coruña, Ourense e Pontevedra, de EU de Ferrol e A Coruña, así como co cabeza de lista de Independentes por Ferrol. As entrevistas continuarán nos próximos días e, antes de que finalice a campaña electoral, farase unha avaliación pública dos compromisos a que chegaron os diferentes alcaldábeis. A Mesa tamén demanda, con motivo do 17 de Maio, que a Axencia Tributaria dispoña de documentación na lingua propia de Galiza. Nin nas delegacións nin na páxina web (www.aeat.es) se pode conseguir a maioría da documentación na nosa lingua, o cal supón unha "exclusión pura e dura do galego". Con este obxectivo, A Mesa iniciou unha campaña de envío de queixas ao Defensor do Contribuínte, a través da páxina http://www.amesanl.org/maio/2007/aeat.htm No que di respecto aos medios de comunicación, A Mesa pola Normalización Lingüística fai un especial fincapé nos de titularidade pública, demandándolle novos pasos á Radio e á Televisión Galega, e reclamando que Radio Nacional de España e Televisión Española "teñan o mesmo uso do galego para Galiza que teñen do catalán para Cataluña". Reclámaselle tanto á Secretaría Xeral de Política Lingüística como á Secretaría Xeral de Comunicación, ambas con competencias na materia, que negocien con firmeza estes adiantos para a nosa lingua, tal e como fixeron, con bo resultado, os correspondentes departamentos no Goberno catalán. No referente a RTVE, A Mesa tamén puxo en marcha unha campaña baseada no "ciberactivismo", promovendo o envío masivo de queixas ao Defensor do Espectador, a través do web http://www.amesanl.org/maio/2007/rtve.htm AXENDA DE ACTOS DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA PARA ESTA SEMANA:
Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
