|
Publicidade Contacto |
*Nota de prensa da familia Couso Permuy sobre a III Edición do “Premio José Couso”
Redacción 11 de maio de 2007 A III edición do “Premio José Couso”, outorgado ao xornalista estadounidense Jon Le Anderson polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza e o Club de Prensa de Ferrol viuse salpicada polo que certos medios de comunicación deron en cualificar como “polémica”, e isto, ao noso xuízo, non se corresponde coa realidade, senón a un fatídico malentendido. É certo que, na roda de prensa celebrada en Ferrol o pasado día 2 de maio, foi lida pola nai de José, Maribel Permuy, unha nota cuestionando unhas declaracións do galardoado publicadas no diario “El Progreso” de Lugo na súa edición de 14 de decembro de 2006 e que resumimos a continuación: Jon Le Anderson dixo en Compostela, -textualmente recolleito do mencionado diario- que se “politizou” o falecemento de José Couso, e que, “a estas alturas, sería difícil investigar o sucedido”, pois “houbo moitísimos mortos e malferidos” ou que “nunca tiven a esperanza de ver xustiza nunha guerra”. “A guerra é o asasinato colectivo de persoas; se vas, asumes o risco de que che maten”. O xornalista premiado non puido asistir á recolleita do premio, por atoparse en Afganistán e non poder saír do país, e así se nos comunicou escasos minutos antes do comezo da roda de prensa citada, polo que a familia non tivo a oportunidade, como fose o noso desexo, de aclarar persoalmente devanditas declaracións con Jon Le Anderson. Xa durante o acto de recolleita do premio, o xornalista Fernando Varela, en nome do galardoado, leu un texto remitido por el desde Afganistán, cuxo contido desvirtuaba por completo as declaracións antes citadas. Así escribía o xornalista californiano con respecto á morte de José en Bagdad: “Despois chegou a indignación, cando altos funcionarios do goberno fixeron declaracións inmisericordes”, engadindo que “o noso único deber é a verdade; non lle debemos nada aos señores da guerra”, e terminaba sinalando que no caso de José, “os verdugos permaneceron libres e con iso morreu un pouco máis a verdade”. Tanto na súa letra como no seu espírito, o escrito do Sr. Anderson mostraba, con toda rotundidade, a súa solidariedade con esta familia e a súa firme oposición á impunidade. Con posterioridade, e a través do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, tivemos coñecemento do desgusto mostrado por Jon Le Anderson ao ter coñecemento en Afganistán do malentendido ocasionado polas súas anteriores declaracións, sacadas de contexto, e que espera poder aclarar persoalmente connosco nunha próxima viaxe ao Estado Español. A familia Couso Permuy reitera, unha vez máis, que nunca cuestionou o democrático sistema de elección do Sr. Anderson polos xornalistas de Galiza, nin os seus méritos propios, como de forma explícita fixemos constar na roda de prensa de Ferrol e que, pese a iso, algún medio de comunicación insinuou. Unicamente apuntamos unha suposta falta de sintonía do premiado coa filosofía do galardón que se desprendía das súas declaracións de decembro de 2006. É por iso que, unha vez constatado que Jon Le Anderson comparte o espírito e a letra do obxecto do “Premio José Couso”, damos por pechado tan lamentábel equívoco que, de ningún xeito, pode achacarse a esta familia, e si ao xornal que publicou as supostas declaracións do xornalista californiano. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
