|
Publicidade Contacto |
Redacción 11 de maio de 2007 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, e o alcalde nacionalista de Boiro, Xosé Deira, visitaron esta mañá o local municipal de ensaio desta vila do Barbanza, pertencente á Rede Galega de Locais de Ensaio. Alí puideron asistir á sesión musical do grupo de rock Golden Dx. Posteriomente, o líder do BNG expresou a vontade dos nacionalistas de “facer nos concellos política para a mocidade, pensada dende a mocidade”. Quintana salientou que estes locais responden ás necesidades da xente nova xa que son un espazo de lecer e convivencia para os mozos e mozas; en segundo lugar, nun país cunha grande tradición musical como o noso, “con tradición de bandas de música, grupos de música tradicional e grupos de rock, é moi necesario ter locais destas características”, e en terceiro lugar porque son unha forma máis de xerar emprego. Quintana lembrou o slogan do maio do 68 e dixo que “a imaxinación no poder fai posíbel locais coma estes”. Neste sentido, comprometeuse a que, alí onde goberne o BNG, se impulse unha Rede Galega de Locais de Ensaio. Políticas de emprego para a mocidade Asimesmo, o portavoz nacional salientou as medidas que o BNG está a pór en marcha para a a mocidade, como os centros “Quérote”, de información afectivo-sexual. Ademais, enfatizou o compromiso do BNG para que os concellos se impliquen na promoción do emprego, destinando 3 de cada 10 euros do orzamento municipal a esta fin e , así, “rematar coa sangría de xente nova que marcha de Galiza”. Vivenda para a xente nova Asemade, Quintana falou da dificultade de aceso á vivenda por parte dos mozos e mozas e comprometeuse a facer un plano de vivenda para a mocidade en todos os concellos nos que goberne o BNG. Os concellos promoverán o acceso á vivenda para a mocidade, ben en réxime de alugueiro ou de propiedade. Voltar á Portada Ver anteriores |
Publicidade:
|
|
