ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Cinema
Sección coordinada por Bruño Fraga Bugallo

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns


*Un franco, 14 pesetas, triunfa nos premios Mestre Mateo 06

Chuza! esta nova!
Redacción 11 de maio de 2007 Un ano máis, a Academia Galega do Audiovisual entregou os seus Premios Mestre Mateo, correspondentes ao ano 2006, na gala celebrada o mercores no Teatro Colón da Coruña. Entre as principais candidatas aos galardóns salientaban producións televisivas como A casa de 1906 ou A vida por diante, e cinematográficas como De Profundis, De bares ou Un franco, 14 pesetas, que contaba co maior número de nominacións, catorce.

A gala, conducida por Manuel Manquiña e Antonio Durán “Morris”, que recibiría o premio á Mellor Interpretación Masculina Secundaria polo seu traballo na TV-movie O partido, contou co humor de Mofa e Befa e co toque musical a cargo do grupo The Ellas, comandado por Luis Tosar e Piti Sanz, que interpretou a súa versión rockeira do clásico “Lady Marmalade”. De ritmo áxil, gran dinamismo, humor a esgalla e cun teatro cheo, a entrega dos galardóns correu a cargo de caras coñecidas e habituais no audiovisual galego, como Xosé Ramón Gayoso, Paco Lodeiro, Farruco, Ana Kiro, Paula Carballeira, Roberto Villar e Víctor Fábregas, Os tonechos, ou o propio Luis Tosar, que completou a súa intervención no evento coa recollida do premio á Mellor Interpretación Masculina Protagonista, polo seu personaxe no filme Cargo, galardón que une ao que recibiu ao Mellor Actor Protagonista na última edición dos premios María Casares do teatro galego, polo seu traballo en Hamlet.

No tocante aos premios, o triunfadora da noite, aínda que non absoluta, foi a película Un franco, 14 pesetas, primeira incursión no cinema do actor madrileño Carlos Iglesias, ao acadar seis dos catorce galardóns para os que estaba nominada, entre eles o de Mellor Longametraxe, Mellor Dirección de Produción, Mellor Maquillaxe e Perruquería e Mellor Interpretación Femenina Protagonista para a galega Isabel Blanco, ademais dos premios ao Mellor Guión para Carlos Iglesias, que compartiría o galardón á Mellor Dirección co debuxante galego Miguelanxo Prado, este pola súa película De Profundis, un proxecto de catro anos de intenso traballo acompañado polo músico Nani García, que tamén viu distinguido o seu esforzo co premio á Mellor Banda Sonora e ao Mellor Son, este xunto a Javier Ferreiro.

Pola súa banda, outro dos favoritos, pois partía con sete nominacións, o filme De bares, dirixido polo galego Mario Iglesias, finalmente só conseguiu dous premios, Mellor Montaxe para o propio Mario Iglesias e Mellor Interpretación Femenina Secundaria para Rosa Alvárez, que non puido asistir ao evento ao estar de xira coa montaxe teatral As últimas lúas, mais que tivo, a través dunha nota, unhas palabras de lembranza para toda a xente implicada na rodaxe Os mortos van de présa, ambicioso proxecto cinematográfico de Ángel de la Cruz, cun equipo técnico e actoral enteiramente galego, que tivo que suspender a súa rodaxe por falta de orzamento.

No tocante as producións televisivas, o premio a Mellor Película de TV foi parar á fita O partido (de Vaca Films), que tamén recibiría o galardón á Mellor Dirección de Fotografía; o de Mellor Programa recaeu n’A Casa de 1906, mentres que o premio á Mellor Serie de TV tivo como gañador a A vida por diante, historia dun naufraxio nominada para oito categorías, e producida por Voz Audiovisual, que lle permitiría ao seu director, Carlos Sedes, canda a Manuel Espiñeira, recibiren o premio á Mellor Realización. Por último, o Premio ao Mellor Comunicador en Televisión foi para Paco Lodeiro, polo seu traballo no programa Cifras e Letras.

Xa nos premios de menor entidade, o galardón á Mellor Produción Interactiva recaeu en www.deprofundislapelicula.com, e o de Mellor Produción de Publicidade foi para Las noticias del guiñol; o premio ao Mellor Deseño de Vestiario recaeu en Ana López (A casa de 1906) e a distinción á Mello Dirección Artística levouno Curru Garabal, do equipo de Mia Sarah, mentres que como Mellor Documental foi distinguida a produción 2050. Xa no formato de curtametraxe, Cicatrices, de Mr Misto Films acadou o premio á Mellor Curtametraxe de Ficción, e a Bruxa Catuxa, producida por Grándola Nova, o de Mellor Curtametraxe de Animación.

Pola súa banda, o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisaul, entregado pola Presidenta da Academia, a actriz María Bouzas, foi concedido a Pedro Amalio López, polo conxunto dos seus cincuenta anos de traxectoria profesional, nos que traballou, entre outras moitas referencias na súa longa carreira, como Director de Produción en TVE e como primeiro Xefe de Realización na TVG, alá polos seus comezos en 1985.

Carlos Rey Astray informa para ArroutadaNoticias.com

Preme aqui para descargar o listado de gañadoras e gañadores ao completo (en pdf)

Voltar a Cinema
Ir á Portada


Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com