ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Os pasaportes electrónicos utilizan toponimia ilegal
· A Mesa denuncia que a Dirección Xeral da Policía “vulnera conscientemente” a lexislación lingüística
· Nin Presidencia nin Política Lingüística distribuíron listaxes cos topónimos correctos para toda a Administración do Estado


Chuza! esta nova!
Redacción 11 de maio de 2007 O sistema informático da Dirección Xeral de Policía mantén na súa base de datos os topónimos galegos con formas deturpadas, como “La Coruña”. As persoas que solicitan expresamente que nos seus pasaportes aparezan as formas legais e oficiais a todos os efectos reciben a resposta de que iso non é posíbel porque o sistema informático está centralizado en Madrid.

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Dirección Xeral de Policía “vulnera conscientemente” as leis lingüísticas e reclama “a restitución da legalidade, pasando a utilizar unicamente as formas oficiais dos nomes de lugar”. Ademais, A Mesa exixe que se poidan substituír o pasaportes electrónicos que teñan topónimos deturpados, sen ningún custo adicional nin ningunha traba burocrática para as persoas afectadas.

A Mesa subliña que isto, ademais de ser responsabilidade directa da Dirección Xeral de Policía, tamén o é da Consellaría de Presidencia e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, posto que “seguen sen distribuír as listaxes da toponimia oficial a todos os departamentos da Administración do Estado, non sabemos se debido á fobia que ten o Conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, ao galego e ao topónimo A Coruña ou se se debe a pura nugalla”. A organización cidadá observa “un contraste entre os departamentos de política lingüística de Cataluña e Euskadi, que defenden as súas linguas perante a Administración do Estado, mentres a Secretaría Xeral de Política Lingüística non pasa de facer discursos para a galería e sacarse fotos que non teñen repercusión para os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos”.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, dirixiuse ao director xeral da Policía, ao xefe superior da Policía en Galiza, ao conselleiro de Presidencia, á secretaria xeral de Política Lingüística e aos representantes galegos no Parlamento e no Congreso dos Deputados para que se poña solución a este problema.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com