ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Pereiro de Aguiar acollerá o sábado 26 O III Encontro Escolar Galego de Xogos Tradicionais

Chuza! esta nova!
Redacción 11 de maio de 2007 Onte presentouse na Dirección Xeral para o Deporte o III Encontro Escolar Galego de Xogos Tradicionais, que se celebrará nas instalacións do Complexo Deportivo Monterrei, na localidade ourensá de Pereiro de Aguiar. Á rolda de prensa asistiron a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, cuxo departamento colabora tamén na organización do evento; o presidente de Brinquedia, Lois Pardo, e o coordinador dos Encontros, Xabier López.

Marta Souto gabou a o traballo realizado polas distintas entidades que traballan no desenvolvemento de proxectos encamiñados á recuperación dos deportes tradicionais, e afirmou que "á Consellaría de Cultura e Deporte acáenos a recuperación dos xogos, porque é un eido enmarcado na posta en valor do noso patrimonio cultural". A directora xeral para o Deporte insistiu en que "recuperar o noso patrimonio lúdico é unha tarefa necesaria e unha ferramenta básica para a nosa identidade como pobo". Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, destacou que estes xogos "supoñen a creación dun espazo en igualdade para nenos e nenas no que non se valora a competitividade, senón a convivencia".

O III Encontro desenvolverase dende as dez da mañá do sábado 26 ata as 18 horas. Segundo explicou o coordinador do Encontro, Xabier López, pola mañá as rapazas e rapaces tomarán parte en vinte e tres xogos tradicionais; despois do xantar, que será nas mesmas instalacións do Complexo, realizaranse exhibicións por parte persoas maiores que practican no seu día a día estes xogos de forte arraigamento na nosa cultura.

Xabier López destacou que, ademais, "este tipo de actividades fomentan as relacións entre persoas de idades distintas, permitindo que as nenas e nenos recollan a bagaxe cultural dos nosos maiores".

Brinquedia. Rede Galega do Xogo Tradicional, é unha asociación na que teñen cabida distintas entidades que traballan a prol da recuperación e da actualidade dos deportes e xogos tradicionais galegos. O seu presidente, Lois Pardo, lembrou que esta será xa a terceira edición (as dúas primeiras desenvolvéronse en Santiago e A Coruña), que contará co apoio da Dirección Xeral para o Deporte e a Secretaría Xeral de Igualdade. Neste senso, Pardo afirmou que "comezamos a acreditar nun proxecto que agora conecta co país, coa súa realidade social e coa propia administración".

O prazo para que os colexios se inscriban está aínda aberto. Toda a información sobre o programa de apoio aos xogos tradicionais, e sobre este III Encontro, en www.deportegalego.eu

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com