ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*O Parlamento debate mañá a normalización lingüística da Administración local
· A iniciativa parte da Mesa, que se reuniu cos tres grupos parlamentares e que tamén está a celebrar unha rolda de reunións cos candidatos á alcaldía nas cidades e principais vilas

Chuza! esta nova!
Redacción 08 de maio de 2007 O Parlamento galego debate mañá, a partir das once e media da mañá, unha proposición non de lei do BNG "sobre a adopción de medidas para a normalización lingüística na administración local". Esta iniciativa xurde despois de que dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística se reunisen con representantes dos tres grupos parlamentares, BNG, PSOE e PP, para demandarlles a actualización da Lei de uso do galego na administración local.

O obxectivo é cumprir coas medidas recollidas para este eido no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG), aprobado polo Parlamento Galego por unanimidade no ano 2004, que até o de agora non tiveron concreción legal. A Mesa agarda que esta proposición non de lei sexa aprobada por unanimidade e que o Goberno galego dirixa un verdadeiro proceso de normalización lingüística en todos os concellos.

Segundo o PXNLG, os representantes institucionais deben facer uso normal do galego no exercicio do seu cargo e débese garantir a utilización da denominación xenuína, en galego, dos nomes de lugar por parte de todas as administracións. Ademais, o documento tamén recolle que os pregos de condicións e concursos deben estar en galego, e que esta ten que ser a lingua xeral de referencia oral e escrita.

Os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local, así como as súas intervencións xudiciais, deben ser tamén en lingua galega. Por outra banda, os contratos e as axudas públicas deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora. En canto ao funcionariado, deberán estabelecerse normas xerais e uniformes sobre capacidade lingüística exixíbel nos procesos de acceso á función pública e no desempeño desta función. Tamén se programará un novo proceso de formación lingüística dos funcionarios que teña como obxectivo mellorar as actitudes, a fluidez expresiva e mais o coñecemento do vocabulario técnico específico. Ademais, os encargados de atender os teléfonos deberán facelo en principio en galego, entre outras medidas.

Reunións cos candidatos
Dentro da campaña de galeguización da Administración local que está a desenvolver A Mesa tamén se están a celebrar entrevistas cos candidatos e candidatas á alcaldía nas principais cidades e vilas galegas, para reclamarlles compromisos concretos de normalización lingüística.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com