ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Ánxela Bugallo presenta o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais que se celebrará en Ferrol no mes de xullo
· A festa marítima bianual do patrimonio galego marítimo e fluvial chega entre o 5 e o 8 de xullo a Ferrol. Onte presentábase na Dirección Xeral para o Deporte

Chuza! esta nova!
Redacción 08 de maio de 2007 O proxecto NaBeira08, posto en marcha pola Consellaría de Cultura e Deporte e a Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), dará abrigo este ano á celebración do VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza, que se celebrará en Ferrol entre os días 5 e 8 de xullo.

Onte, na Dirección Xeral para o Deporte, presentábase este evento, nunha rolda de prensa á que acudiron, ademais da conselleira Ánxela Bugallo; o presidente da FGCMG, Fernando Piñeiro; o responsable da área de Promoción Económica e Turísitica da Deputación de A Coruña, Pablo Villamar, e o presidente do Club de Mar Ferrol, Bernardo Maiz.

Ánxela Bugallo falou dos Encontros como "o momento de facer realidade todo o traballo realizado pola Federación, para chegar a Brest co traballo feito a prol da difusión e da posta en valor da cultura marítima e fluvial galega". A conselleira de Cultura e Deporte destacou que o apoio á celebración destes Encontros "continúa a política de fomento da náutica que se desenvolve dende a Dirección Xeral para o Deporte, e que ten tres grandes obxectivos: difundir e rehabilitar o patrimonio marítimo e fluvial; dinamizar o sector das embarcacións tradicionais para o tempo de lecer e a práctica deportiva e, por último, outorgar o recoñecemento social ao noso patrimonio como acervo cultural do pobo galego". O Encontro de Ferrol contará tamén coa exposición Patrimonio do vento e do sal: embarcacións tradicionais de Galiza.

Bugallo afirmou que o proxecto NaBeira08 conseguirá que o ano 2007 sexa o do recoñecemento a un patrimonio polo que Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial leva case trece anos traballando.

Pola súa banda, Fernando Piñeiro agradeceu o apoio das institucións públicas á celebración deste VIII Encontro, e lembrou que dende a cuarta edición, celebrada en Rianxo -as posteriores en Combarro, a Illa de Arousa e Cambados- cada edición bianual "supón medrar un paso" no recoñecemento deste patrimonio. Piñeiro destacou que estes encontros acadaron o seu mellor momento no pasado 2005, cando en Cambados se deron cita representantes de Portugal, Irlanda e de toda a Península Ibérica. Ese VII Encontro serviu "para amosar a riqueza antes agochada, e para que as embarcacións tradicionais tivesen un importante recoñecemento social, algo que estamos seguros de superar este ano, coa axuda dos apoios institucionais".

Os Encontros de Embarcacións Tradicionais chegan á Ferrolterra
O presidente do Club do Mar de Ferrol, Bernardo Maiz, estivo na presentación e afirmou que para a comarca de Ferrolterra, "é unha fachenda poder presentarlle ao mundo toda a riqueza marítima de Galiza dende Ferrol".

Maiz adiantou que entre os días 5 e 8 en Ferrol realizaranse regatas, presentacións de embarcacións, obradoiros didácticos e visitas didácticas ás embarcacións, entre outras actividades, que descubrirá esta ata agora descoñecida riqueza patrimonial. Para o presidente do Club de Mar Ferrol, este será "o encontro máis importante da Península Ibérica, que traerá á nosa terra as representacións da tradición marítima e fluvial de Francia, Portugal e Irlanda".

En terra, estableceranse exposicións dos museos do mar máis significativos, e realizaranse unhas xornadas técnicas sobre a conservación das embarcacións tradicionais dende o ámbito lexislativo. Estas xornadas desenvolveranse a bordo do Hidria II, o chamado Barco da Memoria da Consellaría de Cultura e Deporte.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com