Publicidade
Contacto
|
*O Mércores 9 de Maio celébrase no Colón Caixa Galiza a Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 06
· Manquiña e Morris, os presentadores. Entre o cadro artístico, Luís Tosar, Farruco, Xosé Ramón Gayoso, Paula Carballeira e Iolanda Muíños. A Banda The Ellas, dá a nota
Redacción 07 de maio de 2007 O Colón Caixa Galiza d'A Coruña acolle o mércores día 9 ás 21:30 hs a Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 06, que será retransmitida pola TVG. Os seus presentadores, Manuel Manquiña e Antonio Durán (Morris), os músicos da Banda The Ellas, as persoas encargadas de entregar os distintos premios, e diversas famosas e famosos no mundo do audiovisual, conforman o eixe vertebrador do espectáculo desta nova edición dos Premios, é a que maior número de producións se levan presentado para optar a cada unha das 25 estatuíñas que conforman as categorías dos Premios: 125 traballos e 63 Produtoras.
Artistas da escena e profesionais da música protagonizarán o acto que se concibe por parte do equipo de guionistas, Andrés Mahía e Xosé Castro, áxil, dinámico, entretido e, sobre todo, con humor, con moito humor. Artistas da talla de Luís Tosar, de Paula Carballeira, Isabel Risco, Xosé Ramón Gayoso, Iolanda Muíños, Isabel Blanco, José Manuel Rodríguez -Isi-, Xosé Luís Bernal -Farruco-, e outros actores e actrices, presentadores e presentadoras da Tv, forman parte do equipo artístico encargado de escenificar e dar vida ao guión. Mofa e Befa, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, estarán tamén entre o elenco artístico, ademais doutras sorpresas que non se descobren antes da Gala... porque deixarían de ser sorpresa.
Son 25 as categorías nas que se dividen os Mestre Mateo, e ás que optan os finalistas. Os traballos audiovisuais e ás e aos profesionais gañadores, coñecerémolos en vivo e en directo. Tan só se coñece xa o Premio de Honra Fernando Rey que outorga a Xunta Directiva da Academia: o realizador Pedro Amalio López, quen polos seus valores profesionais e o importante papel que desenvolveu tanto na TVG nos seus comezos como entre os profesionais do audiovisual -tv- en Galiza, foron razóns máis que suficientes para a decisión desta concesión. Pedro Amalio supuxo no seu momento un auténtico descubrimento para os profesionais do audiovisual galego, descubrimento que hoxe recobra sentido ao ser recoñecido e distinguido con este galardón. Será a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas, quen fará entrega do Premio na Gala do día 9 de maio.
Este ano, a Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 06 que organiza a A.G.A., está patrocinada por parte da Xunta de Galiza, pola Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e as Consellerías de Cultura e Deportes e a de Innovación e Industria, ademais da Fundación Caixa Galiza e a Televisión de Galiza.
En calidade de Colaboradores están a Fundación Aisge, a Fundación Autor, a SGAE e a empresa Spica, ademais das colaboracións de empresas privadas galegas, feito este que demostra que o tecido empresarial galego vai adquirindo un certo grao de compromiso coa industria cultural e coas actividades culturais do país, como é o caso desta Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 06.
Ao evento asistirán diversas autoridades institucionais, tanto locais como provinciais e autonómicas, así como todas as Asociacións dos distintos sectores profesionais que integran o audiovisual galego, e múltiples Medios e profesionais da Comunicación en Galiza.
Este ano, por primeira vez na traxectoria dos Premios Mestre Mateo, a Xunta Directiva da Academia ven de levarse a cabo un Circuíto de promoción por boa parte do noso país, que implicou a proxección da meirande parte dos traballos audiovisuais que quedaron finalistas. Este Circuíto, coordinado pola distribuidora Mr Misto Films e patrocinado pola Consellería de Cultura e Deportes, a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual -da Secretaría Xeral de Comunicación- e a Fundación Caixa Galiza, recibiu o nome de Semana do Audiovisual Galego, unha iniciativa que complementou á vez que consolidou e deu a coñecer a implantación do evento máis importante do sector no país e a súa divulgación na sociedade galega: os Premios Mestre Mateo 06
PEDRO AMALIO LÓPEZ
Premio de Honra FERNANDO REY da Academia Galega do Audiovisual
A Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, acordou por unanimidade conceder este ano o Premio de Honra Fernando Rey ao conxunto da súa traxectoria, a Pedro Amalio López, polo seu labor a prol do desenvolvemento dunha televisión feita totalmente en galego, e pola súa guía pedagóxica e profesional que aínda alumea en moitos profesioanis do audiovisual en Galiza.
Pedro Amalio López foi o primeiro Xefe de Realización da TVG, participando tamén na realización da primeira emisión desta canle o 24 de xullo de 1985. Na TVG foi realizador de Programas, pero sobre todo, foi un mestre para moitos dos que daquela, aprenderon con el televisión, e un gran guía cun impecable sentido da coherencia e da linguaxe audiovisual. Non só pretendía que os seus equipos realizasen os seus programas con acerto, senón que inculcaba a idea de que todos os programas de televisión se facían para ser vistos por espectadores, incidindo sempre no respecto ás rutinas clásicas de como contar as cousas pensando sempre na audiencia, que era a destinataria última dos produtos audiovisuais.
E logo da TVG...
Despois da súa etapa na TVG, foi director de produción de TVE, despis, director adxunto de programas de TVE en 1987. A comezos dos anos 90 encargouse da coordinación de telecomedias como Habitación 503 ou Aquí no paga nadie
Antes de todo isto, participou como realizador na primeira emisión oficial de televisión en España, feita por Televisión Española o 28 de outubro de 1956, onde se encargou de dirección de programas dende as instalacións do Paseo da Habana. Dende entón Pedro Amalio centrouse na realización e adaptación de espazos dramáticos para televisión: foron os famosos Estudio 1 dos anos 60 e 70, adaptacións nas que foi o primeiro realizador en España en utilizar decorados circulares, unidades móbiles para as gravacións de dramáticos en exteriores e un longo etcétera de logros técnicos e artísticos que o levou a ser considerado así mesmo como un gran director de actores. Así, por exemplo, na tempada 1961/62 asumiu a realización da serie de Adolfo Marsillach titulada Silencio...se rueda. Durante estes anos realizou obras como Dulcinea, Edén término, El viaje sin equipaje, Peribáñez, El perro del hortelano, La venganza de Don Mendo, Rinoceronte, Carlota... En 1965 obtivo unha enorme repercusión profesional co seu traballo de realización en Las brujas de Salem, con Gemma Cuervo, e a montaxe de Julio César, coa que por primeira vez nun espazo destas características sacou as cámaras á rúa.
Foi galardoado en 1967 coa Placa do ouro do Festival de Berlín -o primeiro premio internacional obtido na súa historia por TVE- pola obra Un mundo sin luz.
Con Jaime de Armiñán realizou a serie Las doce caras de Juan. En 1970 logra un éxito enorme dentro do programa Novela coa súa realización de El Conde de Montectristo, con Pepe Martín como protagonista. Un ano máis tarde aborda Los tres mosqueteros e La muerte de un viajante. La saga dos Rius sería un dos seus traballos mais sobranceiros dos anos 70.
Por este labor continuado a prol dos dramáticos en televisión, a Academia Española de las Artes y las Ciencias de la Televisión de España concedeulle, na súa primeira edición de galardóns en 1998, o premio Premio a Toda una Vida.
A súa constancia ao longo de 50 anos, a súa coherencia profesional e persoal, a valía humana e o seu traballo na posta en marcha da TVG, fan merecedor a Pedro Amalio López do Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual.
Prema aqui para descargar o listado de finalistas aos Premiso Mestre Mateo 06 (en pdf)
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|