ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Quintana afirma en Ferrol que o BNG é a expresión política da autoestima do pobo galego
• O portavoz nacional asegura que “contra os que falan de chantaxe, o único que pedimos é que nos deixen traballar e que Navantia poida construír buques”

Publicidade:


Chuza! esta nova!
Redacción 29 de febreiro de 2008 O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou onte en Ferrol que, nesta campaña, o BNG “está a demostrar que é unha auténtica maquinaria de autoestima da sociedade galega. É a expresión política da autoestima da sociedade galega e iso é o que máis necesita Galiza: autoestima e proxectos políticos que sexan a expresión desa autoestima”.

Quintana afirmou que “o Bloque é unha infraestrutura ao servizo de Galiza. O BNG é unha infraestrutura para que Galiza poida decidir no Estado, para que Galiza sexa respetada, para que Astano poida volver á construción naval civil, e estou seguro de que esa infraestrutura vai ser utilizada para os cidadáns galegos máis que nunca o próximo día 9”.

O líder nacionalista aludíu na súa intervención ao labor feito polo nacionalismo galego en defensa do naval ferrolán e defendeu a necesidade de termos “un BNG forte en Madrid que diga alto e claro que non imos permitir que as restricións europeas sigan a condenar Astano ao abandono”. Para Quintana, resulta claro que a única forza política que demostrou a súa coherencia neste eido foi o nacionalismo, “porque defendemos o mesmo aquí e en Madrid e non cambiamos a nosa postura segundo a cor do goberno”.

“Contra os que falan de chantaxe, temos que aclarar”, continuou, “que o único que pedimos é que nos deixen traballar e que Navantia poida construír buques e para iso”, asegurou, “non precisamos caridade, só que nos deixen traballar”.

Labor desde o goberno galego
En opinión do portavoz nacional, todo o traballo feito neste sentido pola Consellaría de Innovación e Industria, “ten que ter os seus froitos” porque, tal e como lembrou, “os galegos non pedimos esmola, só pedimos que nos deixen facer. Contamos co potencial, coas persoas, os medios para facer barcos, somos unha potencia en Europa” Neste sentido Quintana lembrou que Zapatero anunciou que queria converter a España na octava potencial mundial, "eu espero que iso non sexa a base de que Galiza deixe de ser a primeira no sector naval".

Para conseguilo, Quintana apuntou a necesidade de recuperar o espírito exhibido por milleiros de galegos e galegas hai cinco anos en Madrid na manifestación en que “non fomos a pedirlle nada á Moncloa, fomos a exhibir o noso orgullo de sermos galegos, de sermos un pobo donos de si mesmos”.

Tanto Anxo Quintana como Francisco Jorquera fixeron nas súas intervencións varias alusións ao que foi o segundo orador da noite, Francisco Rodríguez. Para o portavoz nacional, o anterior portavoz nacionalista no Congreso "a perseverancia e tenacidade no traballo do BNG ten o nome de Francisco Rodríguez".

O debate
Tamén houbo espazo no seu discurso para o debate mantido onte polos líderes das tres forzas políticas na televisión pública de Galiza. Anxo Quintana salientou que “onte houbo milleiros de cidadáns galegos que, independentemente de a quen votasen en outras ocasións, aledáronse de que Galiza estivera presente nesta campaña”

Quintana aludíu aos elevados índices de audencia que tivo o programa e que mesmo superou ao fútbol e asegurou que o BNG conseguíu "romper o guión" e respostou ás declaracións de Núñez Feijóo de hoxe asegurando que "a próxima vez quere debatir só co Partido Socialista"."Non é de estranar", asegurou, "pero se o quere facer terá que presentarse por Murcia".



Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Licenza Creative Commons
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-Compartir baixo a mesma licenza. 3.0 de Creative Commons.

© 2007 ArroutadaNoticias.com