Publicidade
Contacto
|
*O Gran Libro dos Retratos de Animais,
de OQO Editora, galardoado
cunha Mención de Honra
no Premio da Feira de Boloña
• É a primeira vez que unha editora galega
consigue esta destacada mención
Redacción 29 de febreiro de 2008 O Gran Libro dos Retratos de Animais, do selo galego OQO Editora, ven de ser galardoado cunha Mención de Honra no Bologna Ragazzi Award, isto é, o Premio da Feira do Libro Infantil de Bologna Italia, un dos máis importantes galardóns do mundo no eido da Literatura Infantil e Xuvenil.
O premio será entregado o vindeiro 31 de marzo en Bologna, Italia, no marco da celebración da feira do Libro Infantil máis importante de mundo.
O Gran Libro dos Retratos de Animais, escrito e ilustrado por Svjetland Junakovic está editado en tapa dura cun formato 30x20 cm, e atópase dentro da colección OQart. Esta obra, EDITADA EN GALEGO, CASTELÁN, INGLÉS, FRANCÉS E PORTUGUÉS, foi o título co que a pontevedresa OQO EDITORA inaugurou a colección de arte para nenas e nenas OQART.
Este importante recoñecemento vense engadir ao PRIMEIRO PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO DO 2007. na categoría de Libros Infantís, que recibiu esta mesma obra no ano pasado, entregada polo Ministro de Cultura César Antonio Molina na feira LIBER en Barcelona.
O xurado, reunido en Bologna, estivo formado por Antonio Faeti (Profesor de Literatura Infantil da Universidade de Bologna, Italia), Dorothée Charles (membro do Musée des Arts Décoratifs, Paris, Francia) e o deseñador español Manuel Estrada.
O xurado destacou con este premio a poética da narración visual, a subtileza do sentido do humor e o feito de nos facer revisitar a historia da arte a través da imaxinación e a fantasía creando “un museo coma ningún outro existiu”. Destacaron, asemade, a “refinada elegancia de cada imaxe, a técnica do ilustrador e a beleza da edición”.
O galardón engádese tamén ao concedido pola Fundación Espace Enfants de Suíza á obra CHOCOLATA, que por primeira vez na súa historia recaera nunha editorial do estado español. Tamén se suma ao segundo Premio ás mellores Ilustracións concedido no 2006 a outra obra de OQO EDITORA: A princesa que bocexaba a todas horas, ilustrado por Elena Odriozola e escrito por Carmen Gil e ao Terceiro Premio ao Libro Mellor Editado outorgado á obra Celestino Tarambainas.
OQO aposta polo álbum ilustrado de producción propia, pola existencia dun espazo de creación para autores e ilustradores, buscando novas propostas que recollen diferentes sensibilidades artísticas.
Como proxecto editorial, apóstase pola calidade na edición: encadernación en cartoné e ilustracións a cor, buscando que cada libro sexa único, diferente. Nos case meses de vida de OQO, son xa máis de 60 títulos os que a editora pontevedresa ten editado en galego, catalán, castelán, portugués, francés e inglés.
Actualmente, as imaxes orixinais de O Gran Libro dos Retratos de Animais atópanse expostas na Fundación Municipal de Cultura de Xixón, Asturias, despois de pasar por Barreiro, Portugal, na sede de Ilustrarte, e en Leer Leon, a feira de Literatura Infantil de Leon. Así mesmo, o libro protagonizou no centro de Arte Contemporáneo do Centro Cultural de Belem, en Lisboa, unha semana de actividades e obradoiros plásticos para nenas e nenos.
PREMIOS VISUAL DE DESEÑO DE LIBROS
Por outra parte, destacar que O GRAN LIBRO DOS RETRATOS DE ANIMAIS ven de recibir nestes días un diploma nos PREMIOS VISUAL DE DESEÑO DE LIBROS, que convoca a revista Visual. Este ano é a quinta edición do certame. Tamén recibiu este recoñecemento a obra O DÍA EN QUE A MAMÁ SE LLE PUXO CARA DE TETEIRA, escrita por Raquel Sáiz e ilustrada por Joao Vaz de Carvalho. Estes galardóns son un recoñecemento ás mellores publicacións editadas en calquera lingua do Estado español.
Na cuarta edición do certame, no ano pasado, recibiran diplomas polo seu deseño os libros de OQO: A princesa que bocexaba a todas horas e O sultán e os ratos.
Voltar á Portada
Ver anteriores
|
Publicidade:
|