Publicidade
Contacto
|
*Educación comprométese coa Mesa a pór en marcha os mecanismos para a correcta aplicación do decreto do galego no ensino
Redacción 27 de febreiro de 2007 A Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, manifestou hoxe ante os medios de comunicación o seu compromiso para a posta en marcha de diversos mecanismos que garantan a correcta aplicación do decreto de galeguización do ensino, recentemente consensuado polos tres grupos parlamentares galegos, BNG, PSdeG e PPdeG.
Nunha conferencia de imprensa conxunta celebrada despois dunha reunión con dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, presidente, e Francisco Rei, responsábel da Mocidade pola NL, Sánchez Piñón informou de que impulsará medidas de difusión e formativas, moitas delas propostas pola Mesa no encontro previo e reivindicadas nos últimos meses por esta organización cidadá.
A conselleira, que asegurou que a tramitación da norma xa se iniciou e que estará rematada antes do verán, informou de que se vai levar a cabo unha campaña informativa entre o profesorado de infantil e primaria e cos docentes de matemáticas, para garantir que coñezan o decreto de cara ao vindeiro curso. Tamén se realizarán accións formativas destinada a estes mesmos profesores, e levarase a cabo a renovación do material pedagóxico. Neste sentido, Sánchez Piñón garantiu que para o vindeiro curso os libros de matemáticas estarán en galego. Aínda que o decreto só afecta ao ensino non universitario, Laura Sánchez Piñón asegurou que manterá reunións cos representantes das tres universidades galegas para darlles a coñecer a medida, tras a solicitude realizada nese sentido polos dirixentes da Mesa pola Normalización Lingüística.
Segundo Carlos Callón, presidente da Mesa, é fundamental que os futuros mestres e profesores adquiran na súa formación o vocabulario específico en galego, tanto durante a carreira universitaria como nos cursos de formación do profesorado. Para iso, entende que é necesario desenvolver "accións estábeis no tempo para unha boa formación na nosa lingua nas facultades e escolas universitarias que están a formar o potencial profesorado do futuro, pois é un profesorado que vai ter que impartir as súas aulas en galego". Segundo A Mesa, estarían nesta situación, ademais das escolas universitarias de formación do profesorado, as facultades de Matemáticas, Bioloxía, Física, Química e Xeografía e Historia.
Outras medidas apuntadas pola Mesa foron a difusión e actualización dunha guía de recursos en galego por materia e por etapa educativa, a xestión coas editoras para garantir que haxa materiais pedagóxicos en galego para os ciclos formativos e unha campaña de difusión entre o persoal administrativo dos centros a realizar a atención ao público en galego, como "oferta positiva".
O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística salientou unha vez máis a vontade de traballo da Consellería de Educación na elaboración do decreto, que considera "un bo punto de partida" para a galeguización do ensino.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|