Publicidade
Contacto
|
*A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer as e os finalistas dos Premios Mateo 06
• Os sobres coas votacións das socias e socios foron abertos diante dos medios de comunicación
Redacción 23 de febreiro de 2007 A Academia Galega do Audiovisual abriu esta mañá ante os medios de comunicación, os 25 sobres remitidos polo Notario á Xunta Directiva, e que contiñan os nomes das producións e profesionais que as socias e socios da A.G.A. elixiron como Finalistas en cada unha das 25 categorías establecidas nos Premios Mestre Mateo 06.
Este ano, por vez primeira na A.G.A., creouse unha Comisión para velar polo cumprimento das Bases por parte de todas as empresas que enviaron as súas candidaturas. Esta Comisión estivo composta por: Montse Besada en representación do sector da Produción; Ana Monteagudo por Dirección; Rivadulla Corcón polos Guionistas, Xosé Luís Bernal (Farruco) por Intérpretes; Ignacio Pardo Pedrosa, por Arte; Ignacio Benedetti por Promoción; Victorino Lourido por Fotografía; Piti Sanz por Música; José Alberto Suárez polo sector de Son, e por Posprodución, Carlos López Ríos, profesionais todas e todos eles membros da Academia Galega do Audiovisual. A Comisión foi quen determinou a aceptación das Candidaturas que cumprían os requisitos esixidos nas Bases que rexen estes Premios.
Como foi o calendario das votacións:
O proceso comezou o 1 de decembro pasado, coa apertura do prazo de envío de candidaturas por parte das empresas Produtoras, Escolas, Televisións e profesionais, prazo que rematou o día 2 de xaneiro deste ano. O 19 de Xaneiro, publicáronse as candidaturas aceptadas pola Comisión, e abriuse o prazo de alegacións –que rematou o 26 de xaneiro-, e foi o pasado 31 dese mes cando a Xunta Directiva remitiu ás socias e socios as listaxes das Candidaturas para que estes votasen a catro finalistas en cadansúa categoría, tendo que remitir os sobres cos votos ao Notario antes do 16 de febreiro.
Do resultado desas Votacións, que constitúen a primeira rolda, sairon as e os FINALISTAS que hoxe se deron a coñecer.
…e agora só falta…
Unha vez coñecidos as e os FINALISTAS de cada categoría, o vindeiro 26 de febreiro enviaranse de novo as socias e socios da Academia as papeletas cos nomes destes para levar a cabo deste xeito, a segunda e derradeira rolda de votacións. O Notario deberá ter os votos emitidos antes do vindeiro 14 de Marzo. Desta votación, sairán as gañadoras e gañadores dos Premios, que coñeceremos na Gala de Entrega dos Premios Mestre Mateo 06 que se celebrará no mes de abril.
Lembrar por último que este ano, o índice de Empresas que presentaron candidaturas –producións e profesionais- para os Premios incrementouse nun 55% sobre a convocatoria do pasado ano, e nun 26 % o número de producións respecto do mesmo ano.
Preme aqui para ver ou desacrgar a lisatxe en PDF
Voltar a Cinema
Ir á Portada
|
|