ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*A Mesa pola Normalización Lingüística propón que se actualice a Lei de Uso do Galego na Administración Local
• A asociación considera un “bo punto de partida” o novo decreto do ensino

Chuza! esta nova!
Redacción 23 de febreiro de 2007 A Mesa Pola Normalización Lingüística presentou esta mañá en conferencia de imprensa a campaña para a galeguización da administración local que a asociación vai acometer de cara ás vindeiras eleccións municipais. Carlos Callón, presidente da Mesa, recordou que, tal día como hoxe, en 1936, Ánxel Casal convertíase no primeiro concelleiro e alcalde que empregaba o galego nun discurso oficial desde a Idade Media, neste caso na súa toma de posesión como rexedor de Compostela.

Callón asegurou que “xa que por fin as medidas contempladas no Plan Xeral de Normalización Lingüística no eido do ensino van ter concreción legal”, en referencia ao novo decreto do ensino en galego, “agora traballaremos para que se actualice a lexislación do uso do galego na administración local”. Para iso, vanse solicitar reunións cos representantes dos tres grupos parlamentares.

Ademais, tamén se van celebrar encontros cos candidatos á alcaldía nas principais vilas e cidades galegas, para solicitarlles compromisos concretos de normalización lingüística, e mesmo se vai elaborar unha moción para que poida ser aprobada polos Concellos que o consideren oportuno.

Entre as medidas que se reclaman, atópase en primeiro lugar a do emprego da toponimia oficial, unha petición que vai especialmente dirixida ao Concello da Coruña. Tamén se lle solicitará aos candidatos que implanten as medidas incluídas no Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado polo Parlamento galego por unanimidade no ano 2004.

Entre elas, que os pregos de condicións e concursos estean en galego, e que esta sexa a lingua xeral de referencia oral e escrita. Tamén que os actos xurídicos documentados e as relacións xurídicas e notariais da Administración local, así como as súas intervencións xudiciais, sexan en lingua galega. Por outra banda, os contratos e as axudas públicas deberán producir un aumento efectivo da presenza do galego na entidade receptora. En canto ao funcionariado, deberá garantirse a súa competencia lingüística e deberán recibir cursos de formación.

Parabéns ao estudantado
Francisco Rei, responsábel nacional da Mocidade pola Normalización Lingüística, deu os parabéns a todo o estudantado que se mobilizou ao longo deste curso a prol do ensino en galego pola consecución do novo decreto, que a Mesa considera “un bo punto de partida”.

Carlos Callón agradeceu o esforzo de todos os grupos parlamentares para chegar a un punto de consenso, e fixo unha especial mención á Conselleira, Laura Sánchez Piñón, por “levar persoalmente as rendas da negociación”.

O presidente da Mesa asegurou que “o 50 por cento das materias en galego é un mínimo, e non un máximo” e que “máis que as porcentaxes, o importante é que estas se cumpran”. Entre os aspectos positivos do novo decreto, Callón salientou o feito de que se estabeleza unha avaliación anual da situación de aplicación, e que haxa un horizonte claro, que é achegarse á plena aplicación da Carta Europea das Linguas, a cal marca que o galego ten que ser a lingua vehicular do ensino.

O feito de que o persoal da administración educativa deba empregar con normalidade o galego ou que o profesorado en prácticas deba pasar por un curso de formación específico para garantir a súa capacitación lingüística, así como a incorporación da materia de Matemáticas ao grupo das que deben ser impartidas en galego son outras das medidas incluídas no novo decreto que se saúdan desde A Mesa pola Normalización Lingüística.

Outros aspectos positivos son, na educación infantil, que no caso de contornos castelanfalantes a utilización da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será como mínimo do 50%, e ademais fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com