ArroutadaNoticias.com, as novas galegas na rede!

Novas

Publicidade
Contacto
Portada
Marítima
Internacional
Anteriores
Opinión
Cociña
Cinema
Foros
Ligazóns

*Nace o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego
• A facturación do sector gráfico e editorial galego crece por encima da media estatal.
• A asemblea constituinte terá lugar o próximo 20 de marzo no Auditorio de Galiza.


Chuza! esta nova!
Redacción 23 de febreiro de 2007 Hoxe tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego, que estará integrado polos sectores gráfico, editorial, publicitario e os seus provedores. Este novo conglomerado empresarial, que se constituirá oficialmente o próximo 20 de marzo, perseguirá fomentar a formación do capital humano dos distintos sectores contribuíndo así á innovación produtiva e á proxección internacional.

Con iso, garantirase a mellora da competitividade das empresas que o forman, grazas a unha colaboración coordinada.

O Clúster nace despois de que a Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galiza (AEAGG) comezase no pasado mes de xuño un estudo de viabilidade, subvencionado pola Consellería de Industria, para analizar a posibilidade de crear unha agrupación que aglutinara a todos os subsectores directa e indirectamente implicados e ás asociacións e institucións relacionadas coa industria gráfica e editorial galega.

O acto de presentación do Clúster foi presidido por Jacobo Bermejo, presidente da AEAGG; Carlos do Pulgar de Nova Galiza Edicións e Chema Díaz de BAP & Conde, representando cada un deles ás tres actividades principais do novo conglomerado empresarial: artes gráficas, editoriais e publicidade, respectivamente.

O Clúster constitúese cunha clara vocación de reivindicar o peso dos sectores gráfico, publicitario e editorial galegos. Para iso, traballarase en catro eixos fundamentais: formación, innovación, competitividade e internacionalización.

En palabras de Bermejo: “O clúster axudaranos a reorganizar o sector en clave galega e a conseguir acordos de colaboración que nos permitirán competir con maiores vantaxes en mercados até agora non abordados”.

“Produto Gráfico Galego”, garantía de calidade
O 88,6% das vendas das empresas que integrarán o Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego quédanse en Galiza. Tendo en conta este dato, o Clúster buscará expandirse a novos mercados nos que se valore o produto gráfico e o libro galegos. Neste sentido, un dos obxectivos a curto-medio prazo é a creación da marca "Produto Gráfico Galego", como selo de garantía e calidade.

Xunto coa promoción conxunta en novos mercados, as áreas prioritarias de colaboración van encamiñadas a acceder a axudas públicas e a mellorar a cualificación técnica e de xestión do capital humano desde as súas bases.

Sectores en auxe
O número de empresas galegas rexistrado no ano 2006 nos sectores de publicidade, artes gráficas e edición foi de 1.984. O crecemento nos seis últimos anos alcanzou o 46%, fronte ao 34% no estado español. Así mesmo, e nese mesmo período, os sectores galegos de edición e artes gráficas empregaron a un total de 6.559 persoas, o que representa un crecemento do 33% fronte ao 13% rexistrado no estado español. En canto á facturación (912 millóns de euros) o crecemento foi do 52%, mentres que no estdo foi do 37%.

Voltar á Portada
Ver anteriores

Publicidade:

Creative Commons License
Todo o contido deste web, agás no que se especifique o contrario,
está baixo unha licenza Recoñecemento-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.

© ArroutadaNoticias.com