Publicidade
Contacto
|
*As técnicas e técnicos da Delegación da Galega en Lugo pasarán ao cadro de persoal da CRTVG
Redacción 23 de febreiro de 2007 O Xulgado do Social número 1 de Lugo declarou lexítimo o dereito das técnicas e técnicos da delegación da Galega nesta cidade a seren considerados persoal laboral indefinido da sociedade anónima Televisión de Galiza. As beneficiarias e beneficiarios desta decisión xudicial son os seis cámaras e tres das catro montadoras e montadores da delegación luguesa -a cuarta montadora optou por irse-. Actualmente, as nove técnicas e técnicos están contratados por unha produtora de televisión, Produtora El Progreso, filial do xornal lucense, pero a Xustiza tivo en conta que "existe unha cesión ilegal de man de obra por parte desta empresa en beneficio da TVG". Nalgún dos casos, esta ilegalidade remontábase ata vinte anos atrás.
De feito, nos dous xuízos que se celebraron no devandito xulgado demostrouse que a única relación que manteñen as traballadoras e traballadores coa produtora é meramente contractual, xa que todas as "ordes e instrucións de servizo son as que reciben dende Compostela cada día, transmitíndose a través do delegado da TVG". É máis, a sentenza dá conta de que "nos festivos e nas fins de semana, a relación estabelécese de xeito directo entre os demandantes e os responsábeis de produción de Santiago, sen que interveña persoal ningún da produtora". Ademais de recoñecer as condicións sociais, o fallo contempla o pagamento ás montadoras e montadores e ás reporteiras e reporteiros gráficos dunha indemnización conxunta superior aos oitenta mil euros, que as empresas demandadas deberán abonar de forma solidaria.
17 traballadoras e traballadores
Xunto coas técnicas e técnicos, outras tres traballadoras e traballadores da delegación da RTVG en Lugo -dous redactores da televisión e unha redactora da Radio Galega- viron tamén recoñecido o seu dereito a ser persoal laboral indefinido da radiotelevisión autonómica. Á súa vez, as empresas denunciadas deberán pagarlles aos tres xornalistas demandantes outros oitenta e cinco mil euros en concepto de indemnización económica. Así, só na capital luguesa a cantidade que se lles adebeda ás traballadoras e traballadores cedidos de xeito irregular ascende aos 160 mil euros. Outras catro redactoras e redactores da delegación luguesa -tres da TVG e mais outra xornalista da radio- tamén denunciaron esta situación ilegal e están á espera da celebración dos seus respectivos xuízos, mentres que un quinto redactor da televisión pública galega está a agardar o fallo xudicial.
Voltar á Portada
Ver anteriores |
Publicidade:
|